Unha festa para unha lingua de premio

AROUSA

Ramón Leiro

Ata 17 premios de creación literaria e teatro, narrativa e poesía, de investigación e de xornalismo, convocados por dez concellos da provincia e pola Fanpa de Pontevedra, recibiron onte o recoñecemento do mundo da cultura pola súa contribución ao mantemento e normalización da lingua

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata 17 premios de creación literaria e teatro, narrativa e poesía, de investigación e de xornalismo, convocados por dez concellos da provincia e pola Fanpa de Pontevedra, recibiron onte o recoñecemento do mundo da cultura pola súa contribución ao mantemento e normalización da lingua.

Representantes deses concellos, numerosos escritores, editores, críticos literarios, libreiros e mediadores de lectura asistiron onte no Pazo Provincial a festa literaria Unha lingua de premio, organizada polo Deputación no Día Europeo das Linguas.

A presidenta Carmela Silva, o deputado de Cultura, Xosé Leal, e a escritora Ledicia Costas foron os condutores da gala, que tivo como eixo central a dignificación da lingua e a reivindicación dos certames de literatura en galego e outras disciplinas creativas. Neste senso, entregáronselle recoñecementos simbólicos ao escritor Manuel Bragado e ao Festival de Poesía do Condado polas súas traxectorias a prol da lingua e a literatura galega.

Nas sucesivas intervencións foron recordados persoeiros destacados da nosa cultura que dan nome aos premios que se convocan, como Lueiro Rey, Manuel García Barros, Manuel Reimóndez, Varela Buxán, Xoán Carballeira, Olimpio Arca, Xesús Ferro, Neira Vilas e outras moitas mulleres singulares e pioneiras, como Matilde Bares, Avelina Valladares ou Nélida Piñón. Tamén tiveron voz nesta festa os xurados dos certames, representados pola editora María Villanueva, e houbo unha mención especial para a Fanpa de Pontevedra como promotora dun premio de relato curto.

Nesta festa a creación literaria conviviu con outras disciplinas artísticas. A música de Xardín Desordenado achegou poemas musicados de Valentín Paz Andrade, de María Victoria Moreno e de Carlos Casares. O teatro veu da man das actrices Iria Pinheiro e Ailén Kendelman. E o audiovisual permitiu ao público facer un percorrido polos concellos e por obras premiadas a través dun vídeo realizado por Ovo Publicidade. A ilustradora Paula Pereira achegou as pezas de cerámica que se lle entregaron aos homenaxeados e os gravados cos que se agasallou ao público.

E a artista Ana Seoane deseñou unha espectacular alfombra cos nomes dos autores gañadores de todos os premios da provincia.