Santiago Navia: «¿Que lles diría aos que din que o cómic é unha arte menor? Non leron o suficiente»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo SANTIAGO / LA VOZ

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

O propietario da libraría especializada A Gata Tola converteu a súa tenda nun referente da banda deseñada

02 ene 2019 . Actualizado a las 10:49 h.

«Busca algo que che guste, porque así dedicaraslle todas as horas que fagan falta». Santi tan só ten 9 anos, pero seu pai entende que hai leccións de vida que convén aprender canto antes. Sobre todo cando quen chas regala pode dar exemplo. Só un ano máis có seu fillo tiña Santiago Navia Moldes (Vilaxoán, Vilagarcía, 1969) cando no quiosco do seu barrio descubriu un novo mundo ante os seus ollos. Nun retapado da emerxente editorial Forum cos números 21 a 25 da edición española de Conan o Bárbaro, do mestre Roy Thomas, que recollían do 94 ao 102 da edición americana. O relato da morte de Bélit, o grande amor na épica e dramática historia do cimmerio, cativou a un neno que hoxe se recorda xa daquela un lector empedernido de libros: «Aquel cómic abriume un mundo, un medio que me contaba historias que me impactaban; realistas e á vez fantásticas».

Un mundo de posibilidades que non deixou de explorar desde entón en toda a amplitude, acompañándoo ata que hai 18 anos apostou por ese traballo para vivir que lle dá a vida traballando co que todos soñamos. A Gata Tola. Un dos grandes templos para os amantes do cómic en Galicia, que nos seus estantes da avenida Romero Donallo de Compostela ofrece entre 10.000 e 20.000 referencias, cantidade que Navia non acerta a concretar, e unhas 400 novidades mensuais que inclúen practicamente a totalidade da oferta da banda deseñada editada en España, con firmas de todo o planeta. As coleccións de súperheroes, pero tamén o manga, o cómic europeo e o independente. Co asesoramento personalizado dun libreiro quen de contentar o coleccionista máis selecto, e acertar de cheo co despistado na procura dun título co que acertar nun agasallo sen máis título e autor que o gusto do seu destinatario.

Tardou en atopar o seu camiño o propietario da Gata Tola. Trinta e un anos contaba xa cando o 18 de decembro do 2000 abría a súa libraría. Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea pola Facultade de Xeografía e de Historia de Santiago, vivira de facer aquelas primeiras tarxetas sanitarias expedidas polo Sergas, traballando despois de brigadista forestal, e encadeando logo tres anos o labor de medición da masa forestal de media España para unha firma do Estado. Ata que a idea de montar unha tenda de cómics que levaba roldándolle tempo a cabeza pasou do papel á realidade en 3D.

Nun Salón do Cómic de Barcelona fixo os contactos precisos para cimentar a parte máis prosaica do seu proxecto, a subministración do produto. Para o demais tirou da súa paixón, das súas calidades persoais, e do aprendido no camiño. Como da tese de licenciatura que algún día lle gustaría poder rematar sobre a relación dos cómics e do cine a comezos do século XX; dúas formas de expresión narrativa que comparten data de nacemento, 1896, dinos Santiago, e que, entende, «deberíanse ensinar no colexio xunto á literatura», por canto «a cultura e a narrativa dominante dos séculos XX e XXI é visual». Desa tese de licenciatura bebe o nome da súa libraría, a tradución de Crazy Cat, un dos títulos pioneiros nese soporte, a prensa, que arrolou o cómic na súa infancia, e que contaba a historia surrealista dun gato que interpretaba como unha mostra de amor os ladrillazos da súa pretendida, que o aborrece. Un dos cómics que «me marcou», sinala, polo seu surrealismo, e co que dotou de identidade a A Gata Tola: «Gustoume como soaba, un nome co que queda a xente».

Preguntámoslle a Santiago que lle diría a aqueles que pensan que a banda deseñada é unha arte menor. Con coñecemento de causa, contéstanos: «Que lles diría? Que non leron o suficiente».