O Cambados T.M. xa sabe o que é gañar na Superdivisión, na mesa de Competición

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A xuíza única de disciplina eportiva fallou ao seu favor no caso da incomparecencia do Borges Grup Vall

15 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xuíza Única de Disciplina Deportiva da Real Federación Española de Tenis de Mesa fallou esta semana a súa resolución definitiva no caso da incomparecencia do Borges Grup Vall ao partido que o debería ter enfrontado ao Cambados Tenis de Mesa no Pavillón Municipal do Pombal o pasado domingo 24 de febreiro. A responsable de velar polo correcto cumprimento da normativa de competición na Superdivisión desestimou as alegacións presentadas polo club catalán, ditando «la pérdida del encuentro con la máxima diferencia posible según el sistema de juego». Isto é, o triunfo do Cambados por 4-0 (12 xogos a 0). O Borges deberá pagar ademais unha multa de 60 euros.

A resolución, cuxo desenlace se daba por feito no club arousán desde o primeiro día, certifica nos despachos o primeiro triunfo do Cambados da súa historia na Superdivisión, a máxima competición do tenis de mesa español por equipos. Un fito histórico no que o responsable técnico do primeiro equipo cambadés, Ñajo Padín, confía apoiar a consecución final da permanencia na categoría.

Con estes 2 puntos máis, o Cambados T.M. chega aos 9, desfacendo o seu empate a 7 co Vilagarcía T.M. -cun partido menos- e co Visit Pontevedra (Monteporreiro), os tres conxuntos dos que sairán os dous descendidos á División de Honra ao termo dunha tempada xa na súa recta final.

Ñajo Padín declaraba onte a súa confianza en que «consiguiendo 3 puntos más nos llegará». Descartados os que disputará no reinicio da Liga a domicilio co segundo clasificado, o Arteal, o Cambados T.M. debería sumar a metade dos que xogue en Irún, no derbi co Vilagarcía no Pombal na penúltima xornada, e en Burgos no derradeiro partido de Liga.