Siniestro Total e Mala Rodríguez amenizarán o sábado do Albariño

elisa pérez / s. g. CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

monica ferreiros

A 67.ª edición da festa, que se iniciará o día 31, contará co pregón de Salvador Cores, «Manso»

18 jul 2019 . Actualizado a las 22:15 h.

Despois de meses de espera, Cambados por fin pode presentar a programación completa da súa Festa do Albariño. Fíxoo onte, no salón de plenos do Concello, coa presenza do vicepresidente do Consello Regulador Rías Baixas, Julio Reboredo. Un dos puntos que aínda non estaban pechados correspondía aos concertos nocturnos do gran día, o sábado. Será o mítico grupo vigués Siniestro Total e a cantante Mala Rodríguez quen animarán a noite do día 3, acompañados pola actuación da agrupación Los Pablos. Tanto os tres concertos do sábado, que comezarán ás 21.30 horas e rematarán preto das 01.30 horas, como o resto de sesións musicais da semana do Albariño, son de entrada gratuíta. Completan o cartel de actuacións a formación Treixadura, que tocará o día 31, a cantautora Christina Rosenvinge e a artista chilena Javiera Mena, que estarán o día 1, e a cantante boimortense Luz Casal, que actuará o venres 2, entre outros artistas que participarán na popular celebración enolóxica.

A 67.ª edición da festa cambadesa, que se estrea este ano como de interese turístico internacional e conta cunha maior subvención, dará comezo o mércores 31 co pregón do acordeonista vilaxoanense Salvador Cores, Manso, «cambadés de adopción». Logo darase paso á apertura dos 42 stands que ocuparán o paseo da Calzada, os cales ofrecerán ao público viños da denominación de orixe Rías Baixas procedentes de 44 adegas. As casetas estarán abertas aos visitantes durante o festexo dende o mediodía ata as 3 da madrugada.

O tradicional túnel do viño, no que participarán 55 bodegas cun total de 146 marcas, terá lugar no Salón Peña dende o xoves ata o domingo, agás o sábado, en horario de mañá e de tarde. O prezo para entrar no espazo é de 15 euros por persoa. As catas temáticas realizaranse o xoves e o venres.

Na festa repartiranse 36.000 cataviños, igual que na edición anterior, e non se distribuirán cordeis por motivos de seguridade. Activaranse vinte efectivos policiais e tamén seguridade privada, dende o centro de saúde, o Pazo de Fefiñáns e o Punto Morado. Os nenos recibirán pulseiras de identificación co número de teléfono dos seus pais en caso de perderse na multitude.

Como novidade, o xantar do domingo non contará con pregoeiro para non alongar o evento.