A Copa Ribadumia confirma a súa continuidade no calendario do 2020

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A organización que dirixe Paco Ozores anuncia as segundas edicións dos torneos internacionais o vindeiro xuño, do 12 ao 14 o infantil, do 19 ao 21 o benxamín

17 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno local de Ribadumia atopou ao final do anterior mandato municipal a oportunidade de converter o Campo da Senra no centro de referencia da organización de torneos de fútbol base na comarca. Hai dez días os responsables do Arousa Fútbol 7 confirmaban a súa continuidade no emprazamento o ano que vén, encantados coa colaboración do Concello, coas instalacións, e coa resposta dos afeccionados á súa mudanza de Vilagarcía, berce do torneo internacional alevín de Fútbol 7 e o seu asentamento durante as 23 primeiras edicións do mesmo. Na noite do luns os responsables da Copa Ribadumia-Clae Viajes informaban de que tamén continuarán na Senra. No seu caso, anunciando xa as datas de celebración da que será a segunda edición dos seus dous torneos, internacionais como o AF7. No caso do infantil, os días 12, 13 e 14 de xuño do 2020; no do benxamín de Fútbol 8, unha semana despois, o 19, 20 e 21.

Organizado polo Club Deportivo Ribadumia, a Copa Ribadumia-Clae Viajes naceu do afán do vilagarcián Paco Ozores por continuar noutros lares un labor convertido en paixón durante os seus sete anos á fronte do Torneo Internacional Benxamín Cidade Vilagarcía, que impulsou e fixo medrar en Vilagarcía na estrutura do Arousa, ata a súa marcha da directiva que preside Manolo Abalo no verán do 2018.

Ozores declaraba onte que «arrincamos a segunda edición da Copa Ribadumia-Clae Viajes coa ilusión de que se consolide, e que vaia crecendo ano a ano». Nesta liña, adianta que «imos tentar incrementar o carácter internacional do torneo. Sobre todo na categoría infantil, con rapaces de 13 e 14 anos, que xa poden facer viaxes máis longas».

Na súa primeira edición, a Copa Ribadumia-Clae Viajes contou con presenza de equipos de cinco estados no seu torneo infantil. Con 25 conxuntos españois, máis o Guangzhou Evergrande chinés, representante da maior escola de fútbol do planeta por número de xogadores, o Jef United xaponés, a Spanish Soccer School, academia dirixida en Dubai polo vigués Míchel Salgado e co vilagarcián Pablo Coira no seu corpo técnico, e os portugueses Boavista e Vitoria Guimaraes. O Rayo Vallecano levou o trofeo, goleando 4-0 na final o Astur, co Guangzhou e co Jef United completando o listado de semifinalistas.

O Deportivo da Coruña foi o primeiro campión do torneo internacional benxamín ribadumiense, impoñéndose 2-0 ao Mérida ao termo dun campionato con 48 equipos participantes; deles, só o Porto e o Boavista lusos e mais o Brasov rumano procedentes de fóra de España.

A intención de Ozores e do C.D. Ribadumia é manter a aposta por mesturar nun mesmo escenario e tempo a boas escolas de clubs modestos e grandes.