Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Alberto Varela: «Vou loitar por un maior teito de competencias, pero cos medios precisos»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Varela comprométese a traballar por unha distribución xusta de fondos e competencias. mónica irago
Varela comprométese a traballar por unha distribución xusta de fondos e competencias. mónica irago MONICA IRAGO

O alcalde arousán, e próximo presidente da Fegamp, pide ferramentas para os municipios e amósase preocupado pola chamada Sogama da auga

29 oct 2019 . Actualizado a las 11:02 h.

Na súa primeira reválida perante as urnas, Alberto Varela Paz (Vilagarcía, 1975) repetiu en maio vitoria para o PSOE na capital arousá. Fíxoo, ademais, con maioría absoluta. Dada a posición dominante que os socialistas posúen na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e de acordo coa proposta que a dirección do PSdeG aprobou o sábado, Varela converterase no seu novo presidente na asemblea do 29 de novembro.

—Este paso concíbese como unha aposta persoal de Gonzalo Caballero. Como o afronta vostede?

—A primeira palabra debe ser de agradecemento para a dirección galega do meu partido, e especialmente para o secretario xeral. Os resultados municipais foron un éxito para o PSdeG. Temos 111 alcaldes e alcaldesas en Galicia, así que moitos compañeiros e compañeiras poderían facer un gran labor á fronte da Fegamp. No tocante á responsabilidade que entraña a presidencia, farei o que corresponde. Representar a todos os concellos e ás deputacións independentemente da súa cor política, defender a autonomía local e traballar por un maior teito de competencias asistido, iso si, polos medios precisos para desenvolvelo. Algo que a Xunta non ten moi claro.

—Como alcalde, as relacións entre a Xunta e do Concello de Vilagarcía non foron moi cordiais estes catro anos. Que espera que mude nesta nova andaina?

—É un erro que os representantes dos cidadáns establezan as relacións institucionais en función da cor política do alcalde que solicita, por exemplo, unha reunión. Esa falta de atención que eu mesmo padecín como representante de todos os meus veciños, e sobre todo de investimentos imprescindibles, vaille pasar factura ao PP. Estou convencido de que Gonzalo Caballero vai ser o próximo presidente da Xunta. Agora ben, mentres non cheguen as eleccións, actuarei como representante da Fegamp con lealdade institucional, tratando de chegar a acordos que beneficien os municipios. Pero non de calquera xeito. Sempre defenderei un reparto de fondos xusto, evitando que a Xunta trate de quitarse de enriba competencias sen máis.

—A súa é unha queixa recorrente ao longo dos anos e, obviamente, non solucionada. Aí si que non hai cores políticas. A Administración local está discriminada?

—É certo que todos os alcaldes coincidimos na apreciación de que a Administración autonómica cada vez nos lastra máis con competencias das que se desfai sen dotarnos dos medios necesarios para asumilas. Outra cousa é que algúns alcaldes poidamos dicilo máis alto, mentres que outros o falan en espazos máis reservados. Mire, pola miña experiencia persoal non é só que se nos queiran encomendar máis competencias sen recursos; é que a Xunta pide cada vez máis colaboración orzamentaria nas competencias que xa nos son propias. Isto non pode ser. Necesitamos que se tomen en serio os concellos. Non é lóxica a diferenza entre os fondos que un concello coma Vilagarcía recibe da Administración central ou da Deputación que os que mobiliza a Xunta.

—Vexamos un par de exemplos concretos. Que pensa desa Sogama da auga da que se fala?

—Preocupante. Un exemplo máis do que fai a Xunta; ese canon da auga co que pretenden dirixir eles as políticas na materia mentres a factura a pagan os concellos. Non pode ser. Esperemos acadar posturas razoables.

—Que me di da idea do alcalde de Ourense de retirar a protección ás vítimas da violencia machista?

—Tería que escoitar o alcalde de Ourense. Pero, dende a distancia, semella unha decisión moi pouco acertada, que de feito rectificou. Ten que existir unha coordinación entre os corpos de seguridade, e os concellos temos que colaborar na medida das nosas posibilidades. Haberá que mobilizar fondos e equilibrar esforzos, pero o que nunca pode suceder é que as vítimas se vexan desprotexidas. A violencia machista é unha lacra coa que non podemos ser frívolos.

«Mancomunar os servizos é o camiño; non vexo que os exemplos de fusión sexan ningún éxito»

En Galicia funcionan 313 municipios. Houbo un tempo no que a Xunta apostou por sondar a súa fusión como solución para acadar uns servizos viables. Só catro concellos apostaron por esta fórmula, Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade. Varela ten as súas reservas ao respecto.

—É partidario das fusións?

—Non vexo que os exemplos que se deron sexan ningún éxito. Cando menos, o que puidemos apreciar ata o de agora. É certo que se trata dun debate recorrente e en absoluto sinxelo. Depende da vontade que exprese cada municipio, pero tampouco creo que sexa unha solución aplicable en moitos casos.

—De calquera xeito, 313 concellos semella un número esaxerado para un territorio e unha poboación dispersos e en franco retroceso demográfico. Como garantir, entón, os servizos municipais?

—Estou convencido de que o camiño pasa por mancomunar servizos para mellorar a súa eficiencia, garantir a súa calidade e reducir os seus custes. A proximidade é o que define, precisamente, a Administración local.

—Si, ao alcalde veñen os veciños a petarlle na porta. Iso non sucede noutras Administracións.

—Así é. Somos a Administración máis próxima, o primeiro referente ao que os veciños reclaman cuestións que nalgúns casos son competencias propias, pero noutros moitos, non. Por iso é tan importante que se entenda que os concellos necesitamos ferramentas.

—Non é o mesmo, de todos os xeitos, xestionar Vigo que Vilagarcía, nin Vilagarcía que Negueira de Muñiz. Como facer coincidir tantos intereses diversos?

—Nin tampouco as deputacións. É certo que son realidades moi diversas, pero debemos ter en conta as opinións das grandes cidades e dos concellos modestos.