Cultura inicia o expediente para declarar BIC a liña de vagonetas de Novo y Sierra
AROUSA

A estrutura foi construída nos anos 20 do século pasado cun sistema alemán
28 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Un anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia de onte daba conta de que xa está en marcha a maquinaria para declarar Ben de Interese Cultural a antiga liña de vagonetas e o embarcadoiro no Ulla de Novo y Sierra, unha empresa desaparecida no ano 2009, tras case cen de actividade. A resolución adoptada pola Xunta, explica o Concello, «ten como consecuencia que o funicular de transporte aéreo de materiais e os restos do embarcadoiro se anoten de forma preventiva no rexistro BIC. Ademais, a estes bens pásase a aplicarlles de forma automática o réxime de protección establecido pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que implica a máxima protección e tutela para os restos que perviven a día de hoxe», isto é: sete torres -catro delas completas- e os restos do vello embarcadoiro.
A Xunta tivo en conta «a excepcional singularidade da antiga liña de vagonetas, xa que permite transmitir como era o funcionamento das explotacións mineiras da época». Ese sistema funicular foi construída a finais dos anos vinte do século pasado, co sistema alemán Bleichert, que permitía a circulación de ida e volta de vagonetas capaces de transportar máis de 300 quilogramos de mercadorías: arxila e madeira de camiño á fábrica, tella e ladrillo cara o peirao do Ulla. O que queda deste tamén é considerado pola Xunta material a protexer.
As particulares características do conxunto, sumadas ao feito de que aparecese no ano 1927, fai que sexan, efectivamente, «un exemplo único na comunidade autónoma». Existiron outras estruturas similares, en Viveiro e Monforte, «pero non se conservan».