Da irresponsabilidade do monarca emérito

AROUSA

MONICA IRAGO

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se don Juan Carlos I volverá ao Salnés. Nas primeiras visitas que fixo con ocasión do seu regreso á actividade náutica -iniciada en San Vicente-, puiden dialogar con el, despois xa non. Non é caso, por agora, de contar o que falou daquela, aínda que saquei unha conclusión radical: a transición do franquismo ao réxime constitucional do 78, foi o que foi e non se corresponde co relato idílico que se nos fixo ver. Agora mesmo hai unha polémica, xa a nivel popular, sobre o rei emérito, e dígase o que se diga, se os feitos que se lle achacan son certos, estariamos ante outra ruína moral dun Borbón. En ámbitos xurídicos discútese se poderá ser xulgado polas posibles comisións derivadas do AVE á Meca; e nalgúns eidos políticos fálase de substituír, xa, monarquía por república.

Parécenme dous quefaceres, hoxe por hoxe, inabordables.

Déixenme dar dúas pinceladas sobre estas cuestións. O artigo 56.3 da Constitución di, literalmente, que «a persoa do Rei é inviolable e non está suxeita a responsabilidade. Os seus actos estarán sempre refrendados». Moitos expertos neste ámbito do Dereito consideran que a Constitución impide xulgalo e castigalo en calquera caso. É dicir, que goza de irresponsabilidade absoluta para actos da súa vida pública como órgano do Estado pero tamén da súa vida privada; e de inmunidade diante dos tribunais. Para min, un desiderátum sobre o contido deste precepto significaría que o Rei é inviolable ou irresponsable só polos actos refrendados polo presidente do Goberno ou polos ministros, -serán estes os culpables- pero non polos actos privados; por exemplo: se matase ou roubase, tería que responder. Parece claro que para os feitos cometidos despois da abdicación xa non goza de inmunidade porque a Lei Orgánica do Poder Xudicial permite expresamente que sexa xulgado polo Tribunal Supremo. A pregunta é se se poderá, ou puido, xulgar polos actos delituosos, se os houbo e non están prescritos, cometidos na súa vida privada durante o tempo que exerceu a Xefatura do Estado. Os que din que non, sinalan que hai que ler literalmente o artigo 56.3 que transcribín, aclaran que a Constitución non pode conter normas inconstitucionais e que a exclusión da

punibilidade significa que os feitos nunca poderán ser perseguidos, aínda que abdique. Os que din que si apoñen o principio de igualdade, que a monarquía xa non ten orixe divina e que non se concibe que os actos non refrendados escapen do sometemento a xuíces e tribunais. No fondo, falar, como se vén falando, de monarquía moderna é un oxímoro e interpretar esta institución con criterios actuais sempre xerará un certo estupor. O problema está na instauración da república, que se torna imposible pola cantidade de temas prioritarios que hai que afrontar e pola actual composición das Cortes. Congreso e Senado terían que aprobar esa reforma por dous terzos e disolvérense e, ademais, as novas Cortes haberían de ratificar a decisión, aprobar o novo texto por maioría de dous terzos, sometelo a referendo e gañalo. Así que, hoxe por hoxe, malos tempos para a lírica.