Tempos difíciles os que nos tocan vivir. A anterior crise sanitaria máis parecida á esta do covid-19 que sufriu a miña xeración foi a da SIDA, que aínda segue entre nós. Nos xeitos de contraer ambas enfermidades hai notables diferenzas, pero aparecen consecuencias comúns que terían que estar a analizarse desde a política para evitalas. A SIDA tivo unha orixe parecida á do coronavirus: transmitiuse de fauna salvaxe a humanos, ao parecer por contaxio desde chimpancés da África central. Deuse a coñecer en 1981 en Estados Unidos e propagouse polo mundo enteiro ata hoxe, transcorridos case corenta anos. Cando empezou tamén xerou un fundado temor ao contaxio e, como consecuencia, modificáronse hábitos e condutas nas relacións entre persoas. Aparte das vítimas, os efectos desa peste foron, basicamente, sociais. Na nosa comarca, especialmente, tal pandemia, de xeito maioritario, afectou a persoas en situación de risco de exclusión social e contribuíu a afundilas nese estado. É de coñecemento xeral, aínda agora mesmo, como, en tantos casos, esa pandemia dou lugar ata a guetos, nos que a incidencia da enfermidade foi, e segue a ser, superior á do resto da poboación. Os datos, tétricos, que nos dá a Organización Mundial da Saúde son que no 2015 había no mundo máis de trinta e seis millóns de persoas infectadas, dos que case dous millóns eran nenos. Nese ano o cómputo de falecidos pasaba dos trinta e cinco millóns, dos que máis dun millón morreron nese mesmo 2015, por riba dos novecentos mil que vén sendo a media numérica de falecidos durante os trinta e nove anos transcorridos desde que foi descrita esa enfermidade, hoxe reducida a unha doenza crónica. As cifras do coronavirus son, igualmente, espantosas se temos en conta que empezou no 2019: máis de vinte e cinco millóns de contaxiados, dos que dezasete millóns están recuperados e moi cerca dos novecentos mil mortos. O concepto de recuperados non existe na SIDA, por moito que se teña avanzado no tratamento. Non podo saber, espero que non, se os mortos polo covid-19 alcanzarán a terrible cifra de trinta millóns de vítimas, aínda que, pasado un ano, o número oficial de falecidos chega, igualmente, ó redor das novecentas mil persoas. Estes días a prensa está a publicar estudios que reflicten que a incidencia do covid-19 ten relación coa situación socioeconómica, de xeito que, en xeral, como sempre, parece afectar máis nos lugares pobres que nos ricos. Non sei si isto se confirmará, ou non. Pero, de confirmarse, outros dos efectos que habería que evitar sería o de que o coronavirus causase, como fixo a SIDA, que só determinados nichos sociais -unha traxedia criminal o das residencias de anciáns, abandonados pechados nelas- resultasen maioritariamente damnificados e provocase tamén a exclusión social das vítimas e dos seus barrios. A política sanitaria é básica para enfrontarse á actual pandemia, pero para loitar contra as consecuencias dela e, sobre todo, para evitar exclusión social, ten moito que dicir unha política social, socialista en serio, manifestada en estruturas, medios, igualdade e urbanismo axeitado. Para que non volva a pasar o mesmo que coa SIDA.