O Ribadumia pelexará a praza na Copa do Rei o 11 de outubro no San Lázaro
AROUSA

O partido comezará ás 17.30 horas e xogaráse a porta pechada
27 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A Real Federación Galega de Fútbol despexou onte a incógnita. O C.D. Ribadumia e o Viveiro C.F. xogarán o domingo 11 de outubro, a partir das 17.30 a porta pechada no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, Santiago, a final para dirimir o campión absoluto da Preferente Galicia 2019/20. Un título premiado cunha praza na Copa do Rei, á que ten dereito o mellor equipo da primeira categoría autonómica de cada comunidade.
Neste sentido, desde a Federación Galega lembraban onte que o gañador do C.D. Ribadumia-Viveiro C.F. «entrará a todos os efectos na primeira eliminatoria da Copa do Rei» e «coa seguridade de xogar contra un equipo profesional». A única excepción, os conxuntos da Primeira División en competicións europeas, exentos da primeira serie de cruces do torneo do k.o.
No tocante ao cadro aurinegro, o valor do choque do 11 de outubro medra en tanto será o único encontro que dispute antes do seu debú ligueiro, sete días despois, no campo do Ourense C.F. Unha decisión da súa directiva, destinada a reducir ao mínimo o risco de contaxios de covid-19 dos seus xogadores. A súa contrapartida, o endurecemento da entrada do equipo de Luis Carro nunha Liga na que se xogará boa parte das súas opcións de permanencia nos primeiros 6 meses da tempada.