Tres bateis arousáns subcampións de España

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Éxitos das infantís de Vilaxoán, dos cadetes de Amegrove e dos xuvenís de Mecos

06 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Faltou a guinda que coroase o pastel, pero os catro podios dos tres clubs da beira sur da ría de Arousa no Campionato de España de Bateis son sen dúbida unha sobresaínte colleita para o remo da comarca. Sobre todo vendo a dúas das tripulacións entrando na mañá do domingo practicamente á par das gañadoras na meta do campo de regatas de Meira, Moaña.

Quenes máis preto estiveron de levar para o seu club a bandeira de campioas de España foron as infantís do Club de Remo Vilaxoán. Cinco centésimas de segundo. Ese foi o suspiro que as separou da bancada de Cabo de Cruz, que se fixo co título en 5.27,37. Carmen González Iglesias, Natalia Santos Oubiña, Helenca Balado Moreiras e Aurea Novas Portas, patroneadas por Ana María Ponte Veloso, completaron a final en 5.27,42. O bronce foi parar a mans da tripulación do Amegrove C.R.; con Lois Otero Meis ao timón, Claudia Alfonso Fuentes, Clara Devesa Prieto, Abigail Parada Devesa e Candela Cameselle Moldes souberon defender o seu posto de honra fronte ao batel do club anfitrión, Samertolameu, cun crono de 5.32,59, polos 5.34,30 do cuarto clasificado.

A menos dun segundo estiveron tamén os xuvenís do C.R. Mecos da gloria na regata pola bandeira de España, empregando 9.39,25 para completar a súa regata, 74 centésimas de segundo máis cos vascos de Pasai Donibane Koxtape, con 9.38,51. Nunha guerra sen terceiro en discordia -o C.R. Actividades Náuticas foi bronce en 9.49,61-, Anxo Cambados Costa, Joaquín Martínez Álvarez, Eloy Cacabelos Padín e Martín Prol Barreiro levaron o nome do Mecos ao segundo chanzo do podio do Campionato de España, con Mónica Torres Iglesias á fronte do batel como patroa.

O terceiro subcampionato do remo do sur de Arousa foi o asinado pola tripulación cadete masculina do Amegrove C.R. Álex Abal Prieto, Pablo Moldes García, Francisco Javier Amor Bóveda e Pablo Prol Cacabelos fixeron o segundo posto da súa categoría con Yago Otero Meis dirixindo o barco en 7.51,14. O título foi para un inalcanzable C.R. Puebla en 7.46,89, co batel de Mecos cuarto (8.00,57).

Tamén o domingo, pero nas finais B, o C.R. Mecos gañou a quenda de consolación cadete feminina e o C.R. Vilaxoán a infantil masculina, coa bancada xuvenil feminina do primeiro club ocupando o cuarto posto.