
O autor reflexiona sobre un órgano que está nestes momentos, de plena actualidade
25 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Nestes días confusos hai polémica polo nomeamento dos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial. Os partidos no Goberno presentaron unha iniciativa para modificar o xeito de elección e as autoridades europeas, alarmadas, pediron explicacións. Agora o presidente do Goberno ofrece acordos á oposición. Pero, que é iso do CXPX?. Pois é un órgano constitucional, que non ten porque selo. A denominación foi un desacerto: non é poder xudicial. Efectivamente, reforza a independencia dos xuíces formalmente, pero non é órgano necesario. Esta institución novidosa, está inspirada nas regulacións de Francia, Italia, Alemania e Portugal, pero noutros Estados de indubidable traxectoria democrática non existe. Hai que subliñar que o poder xudicial non é propiamente un poder, senón un executor da vontade dos poderes lexislativo e executivo. Para cumpriren as súas funcións os xuíces sométense á vontade dos cidadáns, expresada polos seus representantes no Lexislativo a través da aprobación de leis. Os xuíces e maxistrados están para garantir esa vontade popular, mediante a aplicación das leis. Por iso se di que a xustiza emana do pobo. Por outra banda, os xuíces non teñen iniciativa propia, dependen de que os insten os cidadáns ou outros poderes. E, por suposto, o poder xudicial non reside no CXPX senón en cada un dos xuíces e maxistrados que son independentes, inamovibles, responsables e sometidos unicamente ao imperio da lei, xulgando e facendo executar o que xulgaron. A independencia do Poder Xudicial é atomizada, refírese á de cada un dos xuíces ou maxistrados. O Consello non pode xulgar a ninguén nin, por suposto, dar instrucións a ningún xuíz ou tribunal sobre o xulgamento dun caso concreto. O CXPX é un órgano colexiado, constitucional, autónomo, administrativo e non xurisdicional, que se encarga de gobernar administrativamente aos xuíces no que atinxe a elección, escalafón, disciplina e outra serie de funcións; nunca nas xurisdicionais. Fórmano vinte membros: doce da carreira xudicial e oito xuristas de recoñecido prestixio; o Presidente é o do Tribunal Supremo. Por mor dunha emenda de Juan María Bandrés, apoiada polo Grupo Socialista, o Congreso e o Senado, expresando a vontade popular, elixen por maioría de tres quintos aos seus membros. Non sería lóxica unha elección corporativista polos xuíces, como tampouco o sería que nomeasen ministro de Xustiza. Recordar tamén que o CXPX non ten competencias directas en materia de xestión dos tribunais como soporte administrativo, loxístico e orzamentario, que corresponden á Xunta e ao Goberno. Tenas disciplinarias, de inspección e participa no nomeamento do Fiscal Xeral, presidente do Tribunal Supremo ou maxistrados do Tribunal Constitucional. Para min resulta un órgano suprimible, como o proba que noutros países democráticos non exista; pero en tanto estea na Constitución sería desexable que se acabasen as polémicas sobre el porque dan a impresión de que a xudicatura está politizada cando o CXPX non é xudicatura, non é poder xudicial, non imparte xustiza.