Co seu quinto María Casares na man, o actor e músico arousán confesa sentirse afortunado por seguir aí
20 nov 2020 . Actualizado a las 00:15 h.«É curioso, porque antes eran como xerras de Sargadelos, e agora parecen saleiros, un cabezón cuns furadiños por enriba... Será para darlle voltas á cabeza mentres miras para el», especula Josito Porto (Vilagarcía, 1967) mentres contempla o seu quinto premio María Casares de teatro. A interpretación é a faciana máis coñecida dun artista que, malia todo o bo que lle dá este oficio, non sería capaz de precisar onde remata o actor e onde comeza o músico. O conto é que, desta volta, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia subliña o seu traballo como intérprete secundario en MedidaXMedida, unha obra de Producións Excéntricas que, rara avis coa que está caendo, segue xirando por Galicia e, se non hai ningún problema, cos que hai ben chega, andará polo Teatro Principal da Estrada o día 27. O sábado volveu a Vilagarcía con outra peza, A lingua das bolboretas, e o galardón por baixo do brazo, dando pe a esta latricada.
«O premio real é poder subir a un escenario, cunha guitarra eléctrica ou cun texto teatral. Non me entendas mal, é marabilloso que che dean un premio, pero non deixa de ser algo anecdótico cando o que importa é traballar. E non é cuestión de falsa modestia nin de vaidade, en absoluto, eu agradezo mogollón recibir este premio, e podo asegurar, ademais, que son un auténtico imbécil de manual». Unha semellante declaración esixe algunha explicación máis. «Estaba avisado dúas ou tres semanas antes, porque polo covid non se puido facer a festa gala de cada ano, así que tiven tempo para preparar un discurso ben estruturado, pero púxenme tan nervioso que nin llo dediquei a ninguén, nin á miña familia; cando ía comezar coas miñas parvadas lembreime da compañía, e vou e dedícollo a ela. Cando rematei dixen, fai falla ser gilipollas. Nos momentos máis tranquilos son quen de crear a maior das traxedias».
Unha das sentencias que caeron nesa entrega covid dos María Casares dá que pensar: «Eu son un cómico e un pallaso; cando os políticos deixen de facer o pallaso, eu deixarei de facer política». Duras palabras. «Lembras a que se montou co Non á guerra naquela gala dos Goya, cos sectores máis rancios e extremistas berrando que os actores e as actrices se dedicasen ao seu traballo? Pois a iso vén». Porque, aínda que non se considera apocalíptico, Josito tampouco ten os ollos pechados e cre que o peor está por vir, cando menos para o mundo da cultura. «É tremendo ver como o está a pasar a hostalería e asistir, ao mesmo tempo, a esta especie de concurso por ver quen leva o maior quiñón político; teñen que poñerse a xestionar dunha vez. Non son conscientes de como o está a pasar a xente. No meu oficio, na interpretación, entre a xente das artes, hai compañeiros que xa están empezando a pasar fame. Estamos anulando e adiando funcións, pero iso quere dicir que imos ocupar datas nas que xente que tiña o seu traballo programado xa non o vai poder facer. Por iso me cabrea ver estas cousas, que hoxe non se poida baixar o IVE das máscaras e mañá non haxa ningún problema. Pero que está pasando aquí?».
Non comprende o actor vilagarcián, por poñer un exemplo, as restricións tan duras que rexen para os espazos culturais. «Alguén debería ser consciente de que o número de infectados que saen dun evento cultural é mínimo. Hai pouco vin unhas estatísticas que falaban, non sei, dun contaxio. Practicamente nada, cando estamos vendo outros sectores nos que mesmo existe coma un silencio pseudomafioso, de que estás contaxiado pero calas a boca e dis que vas para casa porque tes gripe».
Neste tempo «terrible», con todo, hai ferramentas das que botar man. «O humor, a prioridade nas cousas, os nosos sentimentos, o amor, a beleza e as cousas bonitas». E, como actitude xeral, unha frase que procede dunha canción de Korosi Dansas, a súa primeira banda, os fundadores do rock de batea, que Josito Porto eleva a categoría de filosofía de vida: «Era un tema de Manolo Seixas que dicía algo así como “creo que algo falla, es mejor parar y ver”. Parar, dar un par de pasos ao redor e, cando te decates, escoller camiño. Seguramente o noso traballo dependa diso».
Unha vida feita de teatro e música, con cine e televisión
Para un home de escena, a súa obra é a traxectoria enteira. Nos dous discos con Korosi Dansas, de pura garra, no traballo con Magritte e no seu proxecto que sigue adiante, Factoría de Subsistencia, vive o músico que tamén é Josito Porto. Como actor, cine, televisión e moitísimo teatro, o chute do escenario para o que non existe metadona posible dende os seus inicios co grupo afeccionado Clámide. De ningún se arrepinte, tampouco de Pratos Combinados, a serie á que algún parece indixestárselle. «Nunca direi que non tocaría para José Luis Moreno e os seus bonequiños... E se vas e ao boneco lle gusta?».