Da educación interrompida

AROUSA

MONICA IRAGO

O sistema educativo e o trato infantil evolucionaron, particularmente a partir dos albores da democracia

31 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unhas datas o Día Internacional da Educación pasou desapercibido, a pesar de referirse a un dereito fundamental universal. En España criticamos que cada goberno adapte a lei de educación aos seus postulados, sen embargo non parece nítido que sexa un proceder incorrecto e hai que recoñecer que temos moitísimo avanzado. Veño dunha das chamadas escolas unitarias, de aldea. Anos 60-70, cun modelo de edificio construído en moitos lugares; un só mestre -neste caso un exiliado interno- encargábase simultaneamente duns cincuenta rapaces. Sen calefacción, os baños nunca se limpaban, os nenos varriamos os sábados. Na cabeceira da aula, enriba dunha tarima con táboas podres, a mesa do mestre e, tras ela, un mapa político e outro físico de España, nos que aparecían Sidi Ifni, o Sáhara e a Guinea, un crucifixo e un retrato de Franco; polas paredes, diversos carteis enmarcados cos sistemas circulatorio, dixestivo e muscular; no fondo, un encerado, onde o mestre exhibía unha caligrafía frustrante para min, porque nunca alcanzaría tal perfección no trazado das letras.

A aula cerrábase cara ao norte cunha galería a través da que parecía chover incesantemente. As nenas asistían a outra escola, unha especie de alpendre, onde dedicaban horas á costura, tamén cunha mestra soa, sen baños e sen calefacción. Os medios formativos, vimbio incluído, eran cadernos iniciais para aprender a ler, pizarras, un armario con estantes onde se amoreaban boletíns vellos apardazados, un exemplar de Corazón, de Edmundo de Amicis e outro de Genoveva de Brabante, de Cristobal Schmid. Os alumnos iamos avanzando pupitre a pupitre, desde os primeiros cadernos ata as Enciclopedias Álvarez: primeiro, segundo e, o cumio do coñecemento, terceiro Grao. O mestre, tan illado, de traxes limpos e gastados, parecía inmensamente sabio; aturaba nenos ágrafos, adolescentes revoltosos e a súa dona enferma, que o reclamaba cada pouco, armándose o correspondente barullo cando se ía. Ao remate de cada xornada, o traballo infantil: botar o gando, axudar nos labores da terra, recoller leña, herba, toxo. O habitual era fuxir da escola aos 14 anos.

O sistema educativo e o trato infantil evolucionaron, particularmente a partir dos albores da democracia, e hoxe, con vaivéns lexislativos incluídos, temos unha ensinanza mellorable pero homologable. Non é así en todo o mundo e a Unesco constata cifras espantosas: cincuenta e sete millóns de nenos en idade de primaria que non asisten á escola e seiscentos dezasete millóns de mozos carentes dos coñecementos básicos en aritmética e cun nivel mínimo de alfabetización. Por iso, o obxectivo de desenvolvemento sostible número 4 da ONU busca garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe para todos. Un obxectivo que se freou coa pandemia e o peche de escolas e universidades, privando a uns mil seiscentos millóns de estudantes do exercicio do seu dereito fundamental á educación. Seguro que será un parón momentáneo. Díxoo clariño Nelson Mandela: «A educación é a arma máis potente que se pode usar para cambiar o mundo». Que non se deteña: é a esperanza da humanidade.