Baloncesto As de Javi Nogueira xa non poden fallar ante outro rival directo
06 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Oito partidos máis lle quedarán inda por diante á Agrupación Deportiva Cortegada cando a primeira hora da noite de hoxe conclúa o derbi que desde as 19 horas o enfronta ao C.B. Arxil no parqué do Pavillón Municipal Número 1 de Fontecarmoa. Non obstante, ao equipo vilagarcián xa só lle vale gañar hoxe se non quere empezar a barallar como única vía realista cara a permanencia pelexar por non ser o peor penúltimo clasificado das tres conferencias coas que esta tempada conta a Liga Femenina 2.
Os números cantan. Segundo pola cola da táboa do Grupo A, o Cortegada presenta un paupérrimo balance de 3 vitorias e 14 derrotas no que vai de campionato. Xusto por enriba, na antepenúltima praza, figura o C.B. Arxil, cun balance de 5-12, o mesmo número de vitorias cas do Maristas Coruña, Ulla Oil Rosalía e o avilesino ADBA, pero como no caso do cadro arousán, cun partido menos xogado que estes tres rivais. O gran problema engadido é que mentres o contrincante hoxe do Cortegada inclúe entre as súas cinco vitorias as colleitadas nos seus dous duelos co Maristas e co Rosalía, as de Javi Nogueira perderon nas dúas últimas semanas o basketaverage con estes dous mesmos adversarios, ademais de arrastrar un -6 da súa derrota en Avilés no último partido do 2020, 84-78, que tocará remontar na derradeira xornada da fase regular, o 27 de marzo.
O adestrador do Cortegada tiña ben presentes estes números na véspera do derbi por antonomasia para o conxunto vilagarcián desde a súa caída sen retorno da Liga Femenina hai xa unha década. «El objetivo del club es no descender», lembra Javi Nogueira, que na súa análise do Arxil debuxa un rival que requirirá a mellor versión das súas pupilas para saír airosas da proba e, de paso, amarrar o basketaverage, ata hoxe en mans arousás logo do 58-63 do encontro da primeira volta. Un rival «con mucho talento, un poco anárquico, que intenta jugar rápido en transición y, si no, buscar a sus pívots».
A dificultade aumenta hoxe, en opinión de Javi Nogueira, en tanto o C.B. Arxil vén de mellorar o seu potencial interior, atopándolle á senegalesa Bineta Ndoye, que a finais de xaneiro optou por cambiar de aires e fichar polo CAB Estepona da mesma categoría, un recambio de maiores prestacións na bosnia Samra Omerbasic. Unha xogadora de 191 centímetros de altura procedente do Casademont Zaragoza da Liga Femenina Endesa, que a semana pasada debutaba como parella na pintura da estadounidense Heather Foster con 9 puntos e 8 rebotes en 19 minutos e 33 segundos na derrota pontevedresa na pista do GDKO Ibaizabal, 54-44.
Se ben Omerbasic tan só promediaba 4 minutos e 33 segundos de xogo por partido no Casademont Zaragoza, a súa condición física tras vir traballando toda a tempada cun equipo da máxima categoría e a súa rodaxe nunha Liga máis potente contrastan, sinala Javi Nogueira, coas escasas dúas semanas de adaptación que leva a keniata Mercy Wanyama co Cortegada, e iso tras todo o curso sen competir.
Neste punto, a boa nova é que o adestrador vilagarcián puido traballar co seu cadro de xogadoras ao completo nas dúas últimas semanas, se ben non foi ata o xoves que volveu facelo no parqué de Fontecarmoa, trasladados os adestramentos unha semana ao pavillón da rúa Castelao polos problemas de humidade da súa cancha de referencia. «Correr, abrir el campo y bajar la puntuación del Arxil»; esta é a receita de Javi Nogueira para superar hoxe o derbi a vida ou morte.
Competición rexeita o recurso do club no que pedía volver xogar os 29 últimos segundos co Rosalía
O Comité de Competición da Federación Española de Baloncesto «no rearbitra partidos». Desta maneira confirmaban onte desde Madrid a desestimación por parte do órgano disciplinario do recurso que a Agrupación Deportiva Cortegada presentou reclamando que se volvan xogar os derradeiros 29 segundos do partido que hai sete días o enfrontaba ao Ulla Oil Rosalía na cancha do conxunto santiagués. Un encontro que o cadro vilagarcián gañaba por 1 punto cando nun saque de banda Sara Gómez interceptaba o balón e recuperaba a súa posesión para as de Javi Nogueira. Os árbitros do choque castigaron a capitana do Cortegada cunha técnica por estimar que invadira a zona de saque na acción, devolvéndolle a posesión ao Rosalía no inicio dunha secuencia que remataría co triunfo compostelán por 67-63. O equipo arousán asinou a acta baixo protesta, dirixindo a comezos desta semana un escrito ao Comité Técnico de Árbitros da FEB.
Desde Competición sinálase que a súa resposta negativa á reclamación do Cortegada obedece a que esta última estaba baseada nunha decisión técnica dos árbitros, sinalando neste punto que o órgano disciplinario da Federación non «rearbitra». De aí que decidise arquivar a reclamación, dándolle traslado do asunto ao Comité Técnico de Árbitros «para que estos puedan trabajar sobre la jugada». Neste punto, o pesimismo inicial sobre as posibilidades de éxito da súa queixa no seo do club vilagarcián non fixo máis que elevarse á enésima potencia.