Se completamos liberdade e igualdade cunha actuación en fraternidade, sairemos adiante; se non, pode que non vallan nin unha nin outra
07 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Fraternidade ten dúas acepcións. Unha individual, referida ao afecto entre irmáns de sangue que non ofrece dúbidas; a outra, estendida á Humanidade, ten un significado fermoso pero describe a máis grande das falacias. E mira que vén dando voltas pola Historia esta idea!. Esa ficción está presente desde as orixes do home. Empeza no libro da Xénese, cando relata que Caín matou a Abel e converteuse no primeiro exiliado, errante e estranxeiro pola Terra. Segue con Antígona, que invoca a fraternidade como lei natural contra a lei dunha cidade e desoe as ordes de non soterrar a un irmán, sendo ela mesma sepultada en vida por incumprir. O cristianismo, desde os inicios, predicou o amor fraterno como sinal de identidade e os seus monxes chamáronse de frades e as monxas de freiras, verbas derivadas do latino frater. Sen embargo, esa fraternidade non era universal senón reducida aos que crían no mesmo -dixo o papa Ratzinger que «o cristián é antes de nada, e só, irmán do cristián»- e, por iso, dou lugar, como outros credos proselitistas, a guerras contra outras relixións e entre cristiáns. En Francia, na coñecida noite de San Bartolomeu, 23 de agosto de 1572, masacráronse a uns vinte mil cristiáns calvinistas por discrepar con que só coa fe era posible alcanzar a gloria, en vez de coas boas obras, como defendían os católicos. Foron máis os cristiáns asasinados nesa matanza que nas persecucións do Imperio Romano e, para máis inri, o papa Gregorio XIII ordeou acuñar unha moeda conmemorativa. Por seguir en Francia, mentres mandou Robespierre o lema da Revolución de 1789 foi «Liberté, Égalité, Fraternité ou la Mort», de xeito que o disidente collía o camiño da guillotina. Pasado ese período inicial, suprimiuse o nada fraternal «ou la mort» e a República Francesa gábase desas «liberdade, igualdade, fraternidade». Con iso e todo, alí existiu ata 2018 o chamado delito de solidariedade, que castigaba por axudar a un inmigrante ilegal. O caso de Cédric Herrou, un agricultor da fronteira francoitaliana condenado a multa e cadea por auxiliar a inmigrantes sans-papiers, chegou ao Consello Constitucional galo, que recoñeceu a Fraternidade como principio constitucional e anulou tal condena. Liberdade e igualdade deron lugar a infinitas literatura e praxes -capitalismo, liberalismos, comunismo-: a dereita, coa liberdade por bandeira e a esquerda, co pavillón da igualdade. Esquecéronse da fraternidade que, precisamente, sería o xeito de actuar tanto en liberdade como en igualdade e impediría, nin sequera concibir, guerras ou matanzas. Vénme agora á memoria a letra de «Grândola, vila morena / terra da fraternidade», estreada por José Zeca Alfonso en Santiago un 10 de maio de 1972 e que transcendeu de símbolo da «Revolução dos Cravos» de 1974 a himno mundial. O pasado día 4 celebrouse o Día Internacional da Fraternidade Humana O Secretario Xeral da ONU, mostrou «a profunda preocupación polos actos que constitúen unha apoloxía do odio relixioso e socavan o espírito de tolerancia e de respecto da diversidade, especialmente nun momento no que o mundo se enfronta á crise sen precedentes ocasionada pola pandemia do coronavirus, que esixe unha resposta mundial baseada na unidade, a solidariedade e a cooperación multilateral renovada». Se completamos liberdade e igualdade cunha actuación en fraternidade, sairemos adiante; se non, pode que non vallan nin unha nin outra.