Umia e Vilalonga protagonizan o segundo derbi da Preferente e o Cambados xoga co líder
AROUSA

O formato exprés da federación galega imprine interese ao enfrontamento
04 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Cun formato exprés como o que ideou a Real Federación Galega de Fútbol para reactivar a Preferente a tres meses da conclusión da tempada 2020/21, non é de extrañar que todas e cada unha das xornadas do campionato deparen partidos do máximo interese para os propios equipos e, sobre todo, polas súas afeccións, ávidas de volver ver fútbol tras un ano completo de parón na categoría. Hoxe, na terceira xornada da Liga, o Subgrupo Sur C da Preferente oferta o segundo derbi do Salnés.
Logo do triunfo pola mínima no Novo San Pedro o pasado xoves sobre un desafortunado Juventud Cambados, o Vilalonga desprázase esta mañá á Bouza de Barrantes para medirse, desde as 12 horas, o que foi o primeiro líder do Subgrupo Sur C. Un Umia C.F. que vén ratificando no campo o seu reto de tentar o seu segundo salto de categoría consecutivo, derrotando 4-2 o C.D. Beluso na primeira xornada e empatando in extremis no campo do Gran Peña, 4-4, tras unha última media hora tola, con sete goles e a expulsión no minuto 68 do porteiro do cadro ribadumiense, Aarón, hoxe baixa por sanción.
Pola súa parte, o Juventud Cambados márcase hoxe como misión no campo Manolo Barreiro 1 sumar os seus primeiros puntos. Reto complicado, por canto desde as 16 horas se enfronta a domicilio o único equipo que conta os seus dous primeiros encontros por vitorias, o Pontevedra B.