Da situación legal do istmo de A Lanzada

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

Sobre ese espazo, como sobre a Enseada de Adro Vello, precísase unha actuación global, conxunta, de Xunta, concellos e Estado

26 abr 2021 . Actualizado a las 11:42 h.

O istmo da Lanzada é un dos espazos históricos máis sobranceiros de Galicia, especialmente se o complementamos coa Enseada de Adro Vello: salinas, sistema defensivo, poboamentos, comercio marítimo, centro de peregrinación e, actualmente, o difícil binomio de atractivo turístico e zona protexida medioambientalmente. Segue a ser un espazo en disputa, algo chusca, que convén aclarar. Ese terreo entre a estrada que vai a San Vicente do Grove e a desembocadura do Rego de Mouros é un areeiro formado por achegas de area mariña e as colmatacións do estuario do Umia e dos regatos que baixan de Noalla; figurou na cartografía ata o século XVII como mar e, actualmente, é unha gran duna, ponte natural para entrar ao Grove. A división administrativa entre os municipios de Sanxenxo e do Grove aclarouse mediante sentencia de 17 de novembro de 1961, nunha liña desde un punto ao norte das salinas da Revolta ata o Con da Gaivota, ao final da praia da Lanzada, polo que toda esta está incluída no municipio grovense. Ese istmo sempre correu perigos e o Concello do Grove utilizouno permanentemente: alí pretendeu construír un aeródromo; levou a cabo diversas obras e existen pozos de extracción de auga que deron servizo a ese municipio antes da construción da rede de subministro do Umia; vendeu area para construción; aportou eses terreos ata o límite con Sanxenxo a unha sociedade de capital privado formada coa Deputación de Pontevedra e inversores particulares, Grovelán S.A., coa pretensión de edificar alí unha especie de «Marbella galega». Os veciños do Grove, non os de Noalla, subleváronse fronte a ese dislate urbanístico co recentemente falecido alcalde José Lores á cabeza -Xan Caneda tamén andaba por alí, e non de paseo-. Unha xesta que nunca se lles agradecerá suficientemente. O istmo foi declarado dominio público marítimo terrestre nos anos 1993 e 1994 e forma parte da parroquia de San Vicente. A Comunidade de Montes de Noalla, desde a súa mesma creación, mantivo unha activa litixiosidade ó redor del sen que fose capaz de que lle atendesen ningunha petición. Preiteou polo deslinde marítimo terrestre, pola adxudicación de quioscos de temporada, contra a actuación de Costas que suprimiu unha estrada litoral, reordenou o istmo e colocou paseos e valados de protección medioambiental, pedindo o vintecinco por cento dos bens e dereitos «ocupados» polo Estado e que se lle entregase o istmo en concesión. Os Tribunais aplicaron a Constitución e a Lei de Costas e rexeitaron ese tipo de propiedade privada sobre bens de dominio público, aínda que houbo un momento no que o Xurado Provincial de Montes de Pontevedra recoñecera todo o istmo como monte de man común; pero a oposición do Concello do Grove conseguiu que se declarase a nulidade de tal decisión absurda e, iniciado un novo expediente, o propio Xurado e os Tribunais, por agora, rexeitaron que ese espazo, que inclúe a ermida da Lanzada, poida considerarse un monte noallés. Á Comunidade de Montes de Noalla aínda lle quedan recursos xudiciais. Sobre ese espazo, como sobre a Enseada de Adro Vello, precísase unha actuación global, conxunta, de Xunta, concellos e Estado, que garanta unha protección definitiva, e poña de manifesto os seus valores culturais, históricos e medioambientais.