Da economía azul sostible I

AROUSA

Imaxe de arquivo de actividades de recollida de residuos no mar organizadas por Afundación
Imaxe de arquivo de actividades de recollida de residuos no mar organizadas por Afundación ADRIÁN BAÚLDE

Como se fose tamén unha illa, cerca dun terzo da poboación da UE vive a menos de 50 quilómetros da costa

05 jul 2021 . Actualizado a las 10:47 h.

Hai unha recente orientación que ten que empezar a soarnos familiar, sobre todo ás poboacións ribeiráns, nas que pesca, marisqueo, acuicultura e turismo son esenciais: Economía azul. Refírese a un novo enfoque da actividade no espazo marítimo-costeiro, para garantir a supervivencia sostible dos mares e do planeta en xeral. Agora mesmo hai que engadir tamén as medidas necesarias para afrontar os efectos da pandemia particularmente na actividade turística propia da costa.

A Economía azul, unha parte da Economía verde, naceu na Conferencia de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas de 2012 celebrada en Río de Xaneiro cando as pequenas illas do Pacífico fixeron ver que para elas a Economía verde era, na realidade, Economía azul, baseada no estado dos océanos. Como se fose tamén unha illa, cerca dun terzo da poboación da UE vive a menos de 50 quilómetros da costa, e iso provoca que a actividade humana incida fortemente no mar con dous tipos de contaminación; unha, invisible -ruído subacuático, produtos químicos, fertilizantes e microplásticos dos que cada ano entran nos mares europeos unhas vinte e sete mil toneladas- e outra visible, principalmente plásticos dun só uso, artes de pesca perdidas ou desbotadas, refugallos xerados por buques, vertidos -os derivados do petróleo e os permanentes procedentes desas poboacións costeiras e dos ríos contaminados-. O Consello da UE, vendo esta situación, a finais do pasado maio, aprobou unhas conclusións sobre Economía azul sostible, articulándoas en catro piares: océanos saudables, aplicación de coñecementos, prosperidade e equidade social.

Se botamos unha ollada aos nosos portos e praias e analizamos a realidade da xente do mar e das cidades e vilas litorais, que deberían empezar a asumir o seu rol de administradores do mar, darémonos conta de que fan boa falta medidas e iniciativas de Economía azul, ata acadar un respecto radical ao medio mariño, tanto na súa explotación como nas emisións de todo tipo que se fan a el desde terra. A sociedade xa se está a concienciar e vemos, por exemplo, continuamente, diversas organizacións a faceren convocatorias para a recollida de plásticos na costa. A potencia destas actividades, máis que na súa efectividade, está nos educativos titulares de prensa que falan das cantidades recollidas, que superan por moito a que os Estados da UE consideran admisible cando din que unha praia debe ter menos de vinte unidades de residuos por cada cen metros de costa.

Os perigos que axexan o mar

Hai máis perigos axexando o mar: cambio climático, emisións de gases de efecto invernadoiro, perda de biodiversidade, sobreexplotación dos recursos ou destrución dos hábitats naturais. Todas estas ameazas están, tamén, a pór en risco a actividade turística. Máis da metade dos establecementos de aloxamento da UE están en zonas costeiras e o 30 % das pernoctas fanse en complexos turísticos de praia. O turismo marítimo e costeiro está, ademais, a sufrir os efectos devastadores da pandemia. Os confinamentos afectaron tamén ao emprego neste sector, que reduciu a súa capacidade para investir na necesaria adaptación á Economía azul nun momento no que os viaxeiros inclínanse, cada vez máis, por experiencias de viaxe respectuosas co medio ambiente. Un efecto deste estado de cousas poderá ser o incremento da demanda de destinos baseados na natureza e ao aire libre, nos que O Salnés, maioritariamente, ten presente e futuro. Toca, queiramos ou non, re-concienciarnos, re-investir, redefinirnos.