«Unha galería é creación por si mesma»

Serxio González Souto
serxio gonzález O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Anxo Pastor en Arcana, na galería que dirixe en Vilagarcía
Anxo Pastor en Arcana, na galería que dirixe en Vilagarcía MONICA IRAGO

Anxo Pastor dirixe dende 1997 Arcana, o primeiro espazo artístico privado da bisbarra do Salnés

14 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pracer do debuxo e a escritura teñen moito que ver co nacemento da primeira galería privada de arte que abriu as súas portas no Salnés. E co pequeno milagre que representa o feito de continuar en funcionamento 24 anos máis tarde. Foi no Nadal de 1997 cando Anxo Pastor (San Clodio, Ribas de Sil, 1959) decidiu trasladar o seu taller de gravado e, xa metido en faena, acompasar o seu propio estudo de traballo cun espazo no que expoñer as obras doutros creadores. «Vilagarcía foi sempre un lugar cunha actividade artística importante, e a verdade é que a xente do mundo artístico apoioume moito», explica Anxo, lembrando o título daquela primeira exposición de Arcana, unha mostra colectiva nomeada Xoguetes de artista, cunha clara orientación lúdica.

Aínda que vinculada dende o comezo aos artistas plásticos da contorna de Arousa, a galería vilagarciá tampouco non se impón fronteiras. Todo o contrario. Un bo feixe de creadores de diferentes procedencias e procederes atópanse entre os fixos da casa, contribuíndo a conformar un fondo amplo e diverso no que a pintura, o debuxo, o gravado e a escultura de pequeno, mesmo mediano, formato atopan o seu acubillo. Cunha certa preferencia, iso si, pola obra en papel. Arcana é, dalgún xeito, unha obra de arte en si mesma, unha peza de ourivería organizativa, funcional e espacial na que Anxo Pastor puxo o mellor de si. «A min, dende logo, sempre me gustou que as exposicións tivesen calidade e sentido. Non se trata de expor por expor, senón de que o que fagamos siga un criterio».

Na procura de material de calidade que poida chegar ao mercado a un prezo razoable -porque unha galería non é simple amor á arte, senón tamén intercambio económico-, Anxo puxo en marcha unha mecánica que durante anos mantivo o ritmo dunha mostra cada mes e medio ou dous meses, intercalando períodos dedicados aos fondos propios. «Aquí, en Arcana, temos presentado algúns libros de poetas portugueses, temos feito tamén algunha actuación, e sendo un traballo profesional, tamén hai unha boa parte na que eu atopo o meu propio gozo. A mesma exposición, na que dalgún xeito creas e distribúes espazo en colaboración co artista, constitúe un aliciente creativo».

Pandemia si, pero non só

Lamentablemente, o estoupido da pandemia rachou este ritmo. A galería non deixou nunca de funcionar, malia transitar Anxo difíciles circunstancias persoais. Pero dende entón as mostras limítanse aos seus fondos. «Nin eu, persoalmente, estaba en condicións de producir unha exposición, nin tampouco tería moito sentido», recoñece o galerista. Pastor confía en que axiña sexa posible emprender unha remontada na que o eido da cultura teña o seu oco. Con iso e con todo, por moito que o coronavirus teña mudado tantas cousas, el non se leva a engano. Os problemas veñen de longo. «Había unha crise importante e o que fixo todo isto foi, por dicilo dalgunha maneira, acelerala. Unha crise de venda de arte, sobre todo. O que eu agardo é que poidamos recuperar un certo ritmo de vendas e un certo grao de interese».

Anxo, no íntimo, segue o seu propio camiño creativo, moi apegado ao mundo da ilustración e a poesía, dende o primeiro andar de Arcana, onde fixou o seu estudo. Durante preto de dez anos ilustrou unha páxina nun suplemento que daba conta da actualidade do ocio e a cultura en Arousa. Dende hai tempo deseña un espazo literario que combina a poesía e o debuxo: La nube habitada, dentro da revista dixital FonteraD, que dirixe Alfonso Armada cunha periodicidade mensual. Ilustrou, tamén, Fosforescencias, un libro de cartas que asina a poeta Lupe Gómez e foi premiado como o mellor editado en Galicia no 2019, con Alvarellos Editora. O último sobre a mesa, uns debuxos para o próximo poemario de Luz Pichel.

E entrementres Arcana, un recuncho de luz moi preto da estación de ferrocarril de Vilagarcía, que é doado visitar e comunicar, a través de anxopastor@gmail.com ou o teléfono 986 509 002.