O Tribunal Constitucional acaba de votar o recurso interposto contra o Real Decreto lei, ratificado polo Congreso, que declarou o primeiro estado de alarma en marzo de 2020, e decidiu que non é axustado á Constitución
18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.É incorrecto falar de un, mais espero, lector, que saiba desculparme. É que, ademais, se vostede foi lector desta columna tamén lle tocan os parabéns porque puido formarse unha opinión que se ve agora que non era infundada. Como sabe o Tribunal Constitucional acaba de votar o recurso interposto contra o Real Decreto lei, ratificado polo Congreso, que declarou o primeiro estado de alarma en marzo de 2020, e decidiu que non é axustado á Constitución. Esta norma agora parcialmente anulada publicouse no BOE o 14 de marzo de 2020 e, a partires de aí, a delegación de Arousa de la Voz de Galicia -gracias-, permitiume ata 14 colaboracións mostrando a miña desconformidade coa cobertura legal das mesmas. Os tribunais do contencioso administrativo e os penais, maioritariamente, foron ditando resolucións, obviamente de índole técnica, que confirmaban o que ben cedo lle fun expoñendo aos lectores deste Vento da Travesía. Alégrome de ter publicado en La Voz estes artigos porque foi un xeito de chegar ao lector non especializado nos avatares xurídicos. E resulta que a discusión do Tribunal Constitucional -iso de que está politizado é un dicir de mal perdedor- que é o cumio xudicial en España e procura que normas e resolucións se axusten ao establecido na Constitución, centrouse no que xa no mes de abril de 2020 expuxen aquí, cunha foto de Martina Miser na que se vía un sinal de «Control Policía», no artigo titulado Da liberdade de circulación desfigurada.
Se vostede, lector, puido darlle unha ollada aos porqués do Tribunal Constitucional para anular agora unha parte dese Real Decreto lei seguro que recoñecerá as seguintes afirmacións que escribín nesta columna: «no artigo 7, que algúns xuíces xa aplicaron á lixeira, adopta a medida de limitar a liberdade de circulación, permitindo o Goberno só oito actividades para podermos saír. Ese Real Decreto fundaméntase no artigo 55 da Constitución, que permite suspender a liberdade de circulación, pero, claramente, só nos estados de excepción e de sitio. Non no estado de alarma». Con respecto ás limitacións das liberdades de circulación e de residencia opinei que «non digo que esa limitación acordada polo Goberno non estea xustificada por razóns de saúde e seguridade públicas, pero creo que non se pode limitar deste xeito nun estado de alarma. Nos de excepción e sitio, si, con restricións (…) O Real Decreto 463/2020 non é lei orgánica, pero nel o Goberno reduce a oito actividades un dereito fundamental como o de libre circulación. E non como unha recomendación, senón como un imperativo. Esta redución é, en realidade, unha suspensión da liberdade de circulación porque a esencia dese dereito é a posibilidade de trasladarnos dun lugar a outro sen inxerencia nin traba algunha, sen estar supeditado a causa ou xustificación (…) Para poder limitar a liberdade de circulación tería que terse decretado o estado de excepción. Se cadra, as normas deste estado de alarma incorren en inconstitucionalidade (...) e supoñen desfiguración e suspensión real do dereito fundamental de libre circulación». Oito días máis tarde publiquei De sentidiño, multas e desobediencia, tamén cunha foto moi semellante da autoría de Martina Miser.
Daquela deixei dito que «o Real Decreto 463/2020 polo que se declarou o estado de alarma, que ten forza de lei e por iso só o poderá xulgar o Tribunal Constitucional e non o Tribunal Supremo, di que só hai oito excepcións para saírmos da casa. É dicir: non se pode botar fóra para o que nos apeteza, como recolle o artigo 19 da Constitución, senón só para o expresamente permitido. E para nada máis. Esa restrición pode ser declarada inconstitucional e cabe, polo tanto, que todas as multas impostas e que se impoñan sexan nulas».
Rematei a serie de artigos co titulado Das confirmacións o 12 de xullo de 2020. Recordo eses artigos con orgullo, pero, lector, tamén quero felicitalo a vostede por se me leu daquela e lle xurdiron dúbidas. En realidade esta columna sen lectores, non valería para nada, así que grazas, tamén, por ser crítico e non comulgar con rodas de muíño.