O Concello informa de 30 ofertas de traballo vacantes na hostalaría do Grove

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

VITOR MEJUTO

Os locais buscan profesionais para a súa incorporación inmediata

25 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Axudantes de cociña, camareiros, camareiros de piso, cociñeiros, persoal de lavandaría e de limpeza... Atopar unha oferta de traballo na hostalaría do Grove a estas alturas do ano, no medio da tempada alta de turismo e con case dous meses de actividade ata a conclusión da Festa do Marisco, era ata o 2019 unha excepción. Onte, o servizo de orientación laboral do Concello meco manexaba ata 30 ofertas de emprego para entrar traballar de inmediato en establecementos locais do sector, que estes últimos lle fixeron chegar á administración local para tentar amplificar o boca a boca ante a urxencia de man de obra.

A orientadora laboral municipal, Alicia Leal, explica que «a estas alturas o habitual é que estas ofertas estivesen todas cubertas. Podía haber algunha oferta polas vacantes que deixaban os rapaces que traballan durante os meses centrais do verán e rematan o 31 de agosto para incorporarse á universidade». Pero 30, nin de lonxe. E máis coa Festa do Marisco facendo da campaña estival do Grove a máis longa de Galicia, ata a mediados de outubro.

A supresión definitiva da gran cita gastronómica e turística da localidade, que reducirá nun mes a tempada, non fixo máis ca dificultar a cobertura dunha hostalería local mediatizada pola permanencia do Grove no nivel de restricións máximas boa parte do verán.

Así, conta Alicia Leal, «as necesidades de persoal foron xurdindo a medida que se foron reducindo as restricións. E houbo rapaces que comezaron traballar na hostalería en xuño aos que tiveron que rescindir e optaron por irse a outros sectores, nos que procuraron mellores condicións, sobre todo de tempo libre».