Festivala: unha ferramenta máis necesaria ca nunca a prol da igualdade de xénero
AROUSA
O recordo de Teresa Cuíña e de Isaura Abelairas protagonizou parte do acto
19 sep 2021 . Actualizado a las 20:11 h.Será a fin de semana que vén cando Vilagarcía se tinga forte de lila para poñer no foco, coa alegría e o positivismo da creación artística, a reivindicación dunha sociedade que visibilice por igual as mulleres nun mundo, criticaban onte desde a Praza de Galicia, que segue a contar maioritariamente con referentes masculinos en todas as parcelas da vida compartida. Con todo, a quinta edición do Festivala arrincaba onte no corazón de Vilagarcía coa apertura de As mulleres (que) contan, a exposición ao aire libre coa que ata o día 25 a asociación O Soño de Lilith quere descubrirlles aos vilagarciáns as figuras de profesionais e de persoeiras locais de diferentes eidos da comunicación.
Foi a presidenta do colectivo feminista, Daisy Alcalde, a encargada de abrir a quenda de discursos, que compartiron dous fíos argumentais. A conciencia da necesidade máis ca nunca dunha proposta como Festivala. E o recordo e profundo sentimento de perda e de orgullo polas figuras de Isaura Abelairas, política socialista con diferentes cargos de representación institucional ao longo da súa carreira, e a activista Teresa Cuíña, que tanto fixo pola emancipación da muller no rural vilagarcián.
Alcalde lembrou que o Festivala naceu coma reacción ante «a ausencia de mulleres no espazo público» e que «visibilizar as mulleres como referente social» segue a ser a súa meta. De aí, contou, a decisión do Soño de Lilith de dedicarlles a nova edición ás comunicadoras locais e descubrirlles a moitos, quizais a maioría dos seus veciños, cousas como que entre eles «hai académicas de cine e mulleres que traballaron en La casa de papel», a serie española de ficción de maior éxito mundial da historia. Alcalde foi a primeira en recordar a Abelairas e a Cuíña.
A xornalista e escritora Montse Fajardo lembrou a Paco Fernández, tamén falecido hai escasos meses, cando dicía que «o seu maior desexo é que Cáritas -el era o seu director en Arousa- desaparecera, porque iso significase que xa non fose necesaria. A min gustaríame que o mesmo pasase co feminismo».
O alcalde vilagarcián, Alberto Varela, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, louvaron nas súas intervencións O Soño de Lilith e máis as dúas loitadoras feministas mencionadas por Daisy Alcalde. Varela quixo «darlle as grazas» ao colectivo local «non só polo Festivala, senón pola súa loita do día a día, pola súa reivindicación, por queixarse de todas as inxustizas. A loita feminista é máis necesaria ca nunca».
Na mesma liña, Carmela Silva declarou na presentación do Festivala: «Síntome moi orgullosa de que haxa unha asociación como O Soño de Litith en Vilagarcía, unha referencia en Galicia, que leva a igualdade por bandeira».
A presidenta da Deputación amosou a súa indignación por seguir vivindo nun mundo que agocha os feitos e fitos da metade da súa poboación, con especial énfase nos medios de comunicación.
Dous días de concertos aos que seguirán obradoiros e unha proxección audiovisual
«O Soño de Lilith é un orgullo para a provincia de Pontevedra. É algo marabilloso transformar o mundo coa mirada violeta -da igualdade-», proclamou nun discurso combativo Carmela Silva desde a Praza de Galicia de Vilagarcía, onde a presidenta da Deputación de Pontevedra foi presentada polo seu alcalde como «referente do feminismo nacional».
Silva cualificou de «moi necesario que exista Festivala» e animou «a xente de toda a provincia» a que participe nel.
Tras a apertura onte da exposición As mulleres (que) contan na Praza de Galicia, Festivala centrará a súa programación a vindeira fin de semana na musica, con dúas xornadas de concertos. O sábado 18, os de La Mare e María Ruiz (13 horas), Tongo (21) e High Paw (22.30). E o domingo 19, con Aldaolada e Broken Peach (12 horas). Todos na Praza da Segunda República ou, se chove, no Auditorio.
Na semana seguinte o Festivala ofertará dous obradoiros. O venres 24, desde as 18 horas, Introdución á fotografía para o emprendemento, a cargo de Elena Reigosa, e o sábado 25, de 10 a 12, Falar en público, impartido por Alba Formoso.
A proxección do documental Se dice poeta o venres 24 desde as 21 horas no Salón García e un coloquio ao rematar coa súa directora, Sofía Castañón, completan a proposta da cita vilagarciá