Patricia Suárez e María Cantero acaban quintas no Mundial de 49er FX, a súa regata de estrea
23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Chegaron á derradeira xornada do Campionato do Mundo de 49er FX sétimas e conseguiron manter o posto na decimo quinta e última manga puntuable, gañándose o dereito a disputar a Medal Race. E na regata final, a patroa viguesa Patricia Suárez e a súa tripulante, a canaria María Cantero, deron o mellor de si, obtendo un triunfo que as elevou á quinta praza final nas augas de Mussanah, no estado arábigo de Omán. Todo, ante a atenta mirada do seu adestrador, o derradeiro campión olímpico da clase Tornado, Antón Paz.
O vilagarcián facía onte balance da que foi a primeira cita coa competición dunha tripulación reunida en xaneiro do 2020 pero que, por unha lesión nun ombreiro da patroa, non comezou a traballar realmente ata xusto un ano despois, unha vez contratou a Paz. O obxectivo deste novo 49er FX, tentar acadar o pasaporte aos vindeiros Xogos, os que se celebrarán en París no ano 2024 tras o ciclo olímpico máis curto da historia, de só tres anos.
Valorar o quinto posto do dúo Suárez-Cantero esixe en primeiro termo poñer o Mundial de Omán en perspectiva. Disputado tan só tres meses despois dos Xogos Olímpicos de Toquio, contou con arredor da terceira parte do número de barcos habituais nun Mundial de 49er FX, neste caso, 22. Só sobre a quinta parte das tripulacións, con paso en agosto pola gran cita da capital de Xapón. Iso si, coa das brasileiras Martina Grael e Kahena Kunze, campioas en Toquio, entre as presentes —en Omán foron terceiras tras as holandesas Aanholt e Ruyter, ouro, e as olímpicas norueguesas Naess e Ronningen—. O escaso número de competidoras levou a prescindir do habitual sistema de tres días de clasificatoria para o grupo ouro, navegando toda a frota xunta.
«O noso obxectivo era ver como estamos cando toca navegar con tripulacións de nivel, porque inda non puideramos navegar con ningunha. Traballar as manobras e a comunicación en regata e probar o noso nivel», sinala Antón. Atoparse con ventos medios e frouxos facilitou o control do barco por parte das españolas cando levan menos dun ano de acoplamento. «Día a día foron mellorando no manexo e na velocidade do barco», di o adestrador, se ben «a nivel de saídas e de tráfico, cando tiñan que pasar boias, resultoulles máis complicado».
Dito todo o anterior, Antón Paz fai un balance «moi bo» do quinto posto das súas novas pupilas, un excelente punto de partida para «seguir traballando para sentar os alicerces para seren máis competitivas». Que isto último o fagan Suárez e Cantero con Paz está a expensas en boa medida dos plans que para elas teña a Real Federación Española de Vela neste novo ciclo olímpico.