![](https://img.lavdg.com/sc/ew2Ho9axdldEpRLzDFK-oZ-4CaQ=/480x/2022/01/15/00121642266121445139785/Foto/AE16C4F1_18047.jpg)
No PXOM do Grove ata pretendía clasificar como patrimonio cultural bens que xa non están no lugar
16 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Parece ser que aos que vivimos no mundo celta —non discutan o de celta— cústanos pouco comunicarnos con defuntos, espíritos e seres sobrenaturais. Éche así. En Irlanda teñen as banshee e na Bretaña as korrigan, parecidas ás doncelas e mouras que residen nas nosas fontes e castros, —na Siradella anda unha, que non tiven oportunidade de ver— e ás orcabellas, vellas e feas, que destrúen a calquera só con ollalo e espero non atopalas; tamén sabemos do irlandés taise, fecht ou wraith que é unha especie de duplicado dun, sosia, e se te encontras con el pasarás á outra vida; moi parecido á estadeira galega, que Deus manteña lonxe.
En plan colectivo, en Galicia temos a rolda ou Santa Compaña, en Asturias a güestia, en Escocia o Sluagh, en Gales o Toili, en Bretaña o Ankou —que sae en Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro— e en Irlanda o Fairy Host, procesións de defuntos coas que podes tropezar en calquera congostra. Nesa tradición dos países célticos, as comitivas de ánimas preséntanse sempre moi protocolarias, de noite, con figuras revestidas de branco e alumeadas. Éche un xeito de crer que os mortos habitan daquela maneira mesturados cos vivos e que se xuntan en ocasións, continuando a formar parte da vila á que pertencen e tantas veces interesándose por ver como van as súas cousas ou ata participando en amoríos, como lle pasou ao sochantre bretón de Cunqueiro. Vén sendo unha verdade coma tantas, tan natural e asumida que a ver que valente insinúa que a Santa Compaña non anda ás voltas pola contorna. Nos tempos que corren, non podo dicir que os integrantes dela deban figurar nos censos municipais por conviviren nos seus rueiros, aínda que nalgunha ocasión votar, votaron.
En fin, o certo é que, perdendo unha tradición secular, agora xa non se permite que se conten no listado de habitantes. Pero, atención, desde o pleno municipal do día 8 de xullo de 2021, xurdiu no Grove unha figura xurídico-administrativa innovadora que atraerá sociólogos, antropólogos e etnógrafos do mundo enteiro e organizaranse congresos, simposios e convencións —estrearase o Auditorio e, como quedará pequeno, volverase a pór en marcha o Pavillón de Congresos da Toxa—; abriranse páxinas e debates na Internet, o alcalde e os xefes da oposición farán declaracións virais en Youtube e aparecerán nas portadas dos xornais con máis tirada. The Irish Time titulará «The existence of the patrimonial Fairy Host is proven in O Grove»; e o bretón Le Télégrame: «L´existencie réelle de l´Ankou patrimoniale à O Grove est démontrée». O mundo celta, por fin, reafirmado nas súas crenzas. E por que? Pois porque o pleno grovense aprobou provisionalmente o Catálogo de Patrimonio Cultural do PXOM —é razoable que a Xunta o bote abaixo— e nel, como xa contei aquí e ratifica Patrimonio, non figura todo o que tiña que aparecer e inclúese o que non debería constar pero, si señor, incorpora elementos do patrimonio cultural que, como a Santa Compaña, non están pero están; e diso aínda non se dou conta Patrimonio. Nese Catálogo figura unha manchea deses casos, e un deles é o do histórico piorno dos Quinteiros —ficha ET 203—, no centro de San Vicente, á vista de todo o mundo. Un hórreo de catro claros, non calquera cousa. Pois ben, hai anos que pasou a mellor vida, pero en xullo do 2021 os concelleiros grovenses, —deben ser xordos e cegos—, mantivérono no Catálogo de Patrimonio coas súas coordenadas xeográficas exactas; din, non sei se como epitafio, que «descansa sobre dez pés octogonais con tornarratos circulares de superficie plana» e clasifícano como elemento do Patrimonio Cultural Etnográfico, ata cun retrato del, xa decrépito. Xa postos, ou que sigan a empadroar á Santa Compaña ou que todos os concelleiros concerten un PXOM moderno, cabal, respectuoso. O que aprobaron é unha orcabella para O Grove.