A segunda posta de longo de Gustavo César Veloso no gran pelotón

AROUSA

João Fonseca / Tavfer-Mortágua-Ovos Matinados

O vilagarcián protagonizou a presentación oficial do Tavfer-Mortágua 2022

01 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustavo César Veloso foi o pasado sábado o grande ausente na Gala do Ciclismo Galego celebrada na súa casa, Vilagarcía. Ese día, o de Bamio sopraba as velas dos seu 42 anos na tarima do Auditorio de Mortágua, no acto de presentación pública da escadra profesional continental coa que o Tavfer-Mortágua-Ovos Matinados competirá neste 2022. Un acto que serviu de segunda posta de longo de Veloso no gran pelotón, tras poñer o pasado 1 de xaneiro pé en terra logo de 21 anos pedaleando entre a elite ciclista para subirse ao mando do seu primeiro volante coma director deportivo profesional.

Antes da presentación do sábado, na que desfilaron un a un os once corredores da escadra lusa, entre eles o cambadés Ángel Sánchez Rebollido, Gustavo César e os seus pupilos completaron a súa primeira concentración xuntos. Traballando desde o día 17 ata o propio sábado 29.

«O traballo dos rapaces foi bastante ben. Planifiqueino con tempo, todos sabían o que tiñan que facer e eu pouco máis que tiven que darlles asistencia técnica, ir detrás deles e corrixir algunha cousiña», declarou onte Gustavo, xa de volta en Vilagarcía. «Volvo contento e con ilusión», concluíu tras a súa primeira experiencia real na súa nova ocupación no ciclismo profesional.

A primeira concentración do Tavfer-Mortágua-Ovos Matinados serviu, apunta Veloso, para «facer grupo, xerar un bo ambiente», por un lado, e de cara a afinar a posta a punto ante o inminente inicio da competición, o domingo 13 na Clássica de Apertura.