137 anos despois do seu pasamento, a vivenda de Carril dende a que a matriarca das letras quixo ollar a ría por derradeira vez aínda non está identificada
23 feb 2022 . Actualizado a las 20:58 h.Probablemente só Castelao sexa quen de competir con Rosalía de Castro coma figura de tan grande potencia cultural no imaxinario colectivo dos galegos. E Carril —O Carril, en realidade, hoxe parte de Vilagarcía de Arousa— garda un importante papel na biografía da autora central do Rexurdimento. Polo seu home, Manuel Murguía, sabemos que, xa moi consumida polo cancro que a levaría pouco despois, o último lugar ao que Rosalía quixo viaxar antes de morrer foi ao mar, que para ela estaba fortemente vinculado á ría de Arousa. Ou de Padrón, como entón se denominaba. A matriarca das letras gozou dunha derradeira estadía en Carril nalgún momento do verán de 1885. Pouco máis se sabe, agás o feito de que, chegado o tempo de regresar á casa familiar da Matanza, sé do seu museo e da fundación á que dá nome, Rosalía embarcou nunha lancha para ser trasladada á estación de tren carrilexa, perante a tardanza da carruaxe que debía facelo. Nin sequera está claro en que vivenda pasou aqueles días.
Na memoria do pobo de Carril figuran, cando menos, dous enclaves asociados a aquel derradeiro verán. Un deles, que durante moito tempo se tivo polo correcto, é unha fermosa casa de pedra con balconada que se abre ao porto e á illa de Cortegada dende a rúa Valentín Viqueira. Xa deshabitada pero aínda ben bonita, foi vítima dun incendio no 2014. Pouco máis queda dela que os muros da fachada, consolidados para evitar riscos.
Mais non debeu ser ese o escenario do último repouso de Rosalía fronte o mar. Fermín Bouza Brey, un dos grandes investigadores da súa figura, concluíu que a escritora descansou nunha casiña colocada no entorno do número 14 da rúa Lucena, protexida do norte, polo tanto, e a un paso da praia de Portugalete. Máis ou menos na zona posterior ao Esmorga —o establecemento, por certo, funciona nunha antiga propiedade de Montero Ríos, con quen Rosalía e Murguía, os tres de ideario liberal, deberon de ter trato—. Sucede que o rueiro mudou, e a vivenda, tal e como era a finais do século XIX, xa non existe. O misterio da casa de Rosalía, en fin, sigue agardando unha solución 137 anos máis tarde.
- A viaxe en mar á estación. No verán do 2018, veciños de Carril e Vilagarcía representaron, coa colaboración da fundación, a derradeira viaxe de Rosalía, que tomou unha lancha para marchar cara á estación de tren. A pandemia impediu que tivese continuidade.
- A casa que ardeu. En Carril hai memoria de que esta fermosa casa de pedra con balconada, que mira ao porto dende a rúa Valentín Viqueira, foi o escenario dos días de descanso de Rosalía fronte o mar. A vivenda ardeu hai oito anos e hoxe sigue deshabitada.
- A investigación de Fermín Bouza Brey. Bo coñecedor da figura de Rosalía, o grande investigador seguiu os pasos daquela casa de veraneo. Apunta á rúa Lucena, na parte posterior do actual Esmorga. Lamentablemente, aquela vivenda non existiría xa.
Anxo Angueira: «É moi probable que Rosalía fose asidua aos baños do Carril naqueles anos
Anxo Angueira (Dodro, 1961) preside a Fundación Rosalía de Castro dende hai dez anos. Na súa opinión, este vínculo con Carril é sumamente importante para a vila e para o conxunto de Vilagarcía.
—O Carril é un dos poucos lugares que figuran expresamente na obra de Rosalía. E ademais, moito antes daquel verán de 1885. Aparece no poema Pasa, río, pasa río, de Cantares gallegos. Agora que o penso, tamén fala das ostras do Carril no seu Conto gallego. Non todos teñen esta fortuna.
—Podemos supoñer que xa coñecía Carril antes daquela súa derradeira viaxe, logo?
—Non temos documentación sobre iso. Pero hai base para pensar que si. Tendo en conta que naqueles últimos anos Rosalía vive ao pe da estación da Matanza, en Padrón, iso permitiríalle coller o tren ata a estación do Carril. É moi probable que fose asidua aos baños do Carril.
—Rosalía morre o 15 de xullo de 1885. Sabemos canto tempo pasou no Carril e en que datas?
—Exactamente non, porque os detalles da súa estadía témolos a partir da descrición que fai Murguía nas páxinas que introducen a obra completa que el edita en 1909. Aí Murguía escribe sobre a viaxe. Son unhas páxinas memorables, dun lirismo extraordinario. Dinos que estaba moi maliña e entendemos que vai tomar os baños moi pouquiño antes da súa morte. Conta o episodio da lancha, de como van por mar á estación, fala do brillo dos ollos no solpor... E esa é outra, en que casa veranearon? Bouza Brey seguiulle a pista. En todo caso, debeu estar moi próxima á praia de Portugalete ou da Covacha.
—Semella materia abondo para incorporar O Carril e Vilagarcía a unha ruta rosaliana. A fundación estaría disposta a colaborar?
—Por suposto. Hai catro anos organizamos unha exposición no Museo do Tren e fixemos un acto memorable, ao representar esa derradeira viaxe por mar ata a estación. Foi aquel un ano inesquecible. Mesmo, aínda que sexa complicado, poderiamos pensar en que a Inchadiña das dornas saíse un ano do Carril. A fundación sempre estará disposta.
Instrucións para celebrar a matriarca das letras
Este ano vén de se corrixir a data de celebración do aniversario de Rosalía. O labor da investigadora Sagrario Abilleira logrou acreditar que a escritora naceu en Santiago de Compostela o 23 de febreiro do ano 1837, no canto do día 24, que ata agora se tiña coma referencia. A conmemoración terá lugar, polo tanto, o mércores, aínda que institucións coma a Deputación de Pontevedra prolongarán os actos ás dúas xornadas concernidas.
Claro que lembrar a matriarca das letras galegas non ten por que limitarse ao eido institucional. A Fundación Rosalía de Castro propón un xeito sinxelo de homenaxear a autora de Cantares gallegos. Cómpre, en primeiro lugar, ler a súa obra. Tamén é posible cociñar o caldo de gloria que describiu no seu poema Miña casiña, meu lar, incluído en Follas novas. Nel, unha muller que camiña de Santiago a Padrón, enchoupada pola choiva, ten que rebuscar na súa casa catro cousas coas que facer un caldo, diante dos seus veciños, infames suíñas incapaces de lle botar unha man. Cada ano, un cociñeiro ou cociñeira galega é invitado pola fundación a preparar esta sinxela receita. Desta volta é Xoanqui Ameixeiras, chef ferrolán afincado en Vilagarcía, quen acende o lume, seguindo unha elaboración que pode consultarse en rosalia.gal e na canle en Youtube da Casa de Rosalía de Castro. Por fin, a fundación e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@ animan os músicos a se reuniren en espazos públicos para interpretar unha alborada na honra de Rosalía, tamén con referencias na web rosalia.gal.