Do fracaso do Dereito

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

«O camiño está en facer respectar os dereitos fundamentais (...), aqueles que amparan aos débiles fronte aos fortes»

27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai raras veces nas que os lexisladores parecen poetas, no senso de escribiren fermosas palabras e na visión dun mundo soñado. Unha desas ocasións é a Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948, que empeza así: «Considerando que a liberdade, a xustiza e a paz no mundo teñen por base o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de todos os membros da familia humana; considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie aldraxantes para a conciencia da Humanidade; e que se proclamou, como a aspiración máis elevada do home, a chegada dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen da liberdade…». Pero os tratados internacionais —que teñen prohibidas as guerras—, as leis, os Estados, mesmo a moral e as conciencias individuais, son ficcións, tantas veces ensoñacións ou, se acaso, alucinacións. Difiren da realidade. A realidade é o mísil que estoupa nunha vivenda, un maliense afogado no Mediterráneo, un mapuche a tiros cos soldados arxentinos, as residencias da terceira idade en Ucraína -os vellos, onde están os vellos e as persoas con discapacidade de Ucraína?-. O outro son palabras ben engarzadas, de ourive, postas en papel de calidade. Serán poesía ou un desiderátum que ata pretende tapar esa realidade obxectiva. De que serven aquelas fermosas declaracións diante dun tanque ou dun obús?. De que vale, en fin, o Dereito —que, así se me ensinou, debe ser o instrumento para a resolución de conflitos— fronte a unha batería de mísiles?. As guerras son o fracaso do ordenamento xurídico. E é así porque o sistema actual fai que tanto o Dereito como a forza bruta estean en poder dos Estados e do sistema económico. Vese na actual invasión de Ucraína, e no resto das guerras ou nas mortes diarias no mar. As persoas, como o vento, a auga, ou o océano non están creadas para seren patriotas e viviren constrinxidas por estruturas de Estados, senón para gozaren do dereito á vida nun mundo sen estremas, sen marcos, sen fronteiras, onde impere a igualdade. O camiño para conseguir esa igualdade xa está descuberto e non é a vía do liberalismo, nin do socialismo, nin dos nacionalismos, aínda cada un coas súas achegas. O camiño está en facer respectar os dereitos fundamentais. Pero cales dereitos? Pois aqueles que amparan aos débiles fronte aos fortes, os que garanten a igualdade das minorías para manter un pleno multiculturalismo e os que hai que defender para preservarmos a paz. E esas tres ideas-forza teñen que vir garantidas por unha Constitución Universal. Como xa teño contado aquí, o xurista italiano Luigi Ferrajoli afirma que «a globalización e o crecemento da interdependencia e das comunicacións fan posible —incluso inevitable, se queremos impedir un futuro de guerras, de violencias, de devastacións humanas e ambientais, de fundamentalismos e de conflitos inter-étnicos— a perspectiva dun constitucionalismo mundial». Faise imprescindible, xa, un poder universal que garanta a igualdade dos seres humanos sen que poida menoscabala nin a política dun Estado, nin o mercado. Unha Constitución Universal e unha ONU, ou como se lle chame, con poderes reais e como organización eficaz para o mantemento da paz, a defensa e a promoción dos dereitos humanos. A nova institución deberá fundamentarse en tres pilares: 1. Control completo do uso da forza e desaparición das milicias nacionais, cun exército federal destinado a intervir, conforme á lexislación internacional, nos casos necesarios. 2. Prohibición do armamento e do seu comercio. 3. Desenvolvemento dunha política global para reducir as desigualdades e as violacións dos dereitos humanos. Iso é o que propuxo Luigi Ferrajoli no seu libro «Principia Iuris», 2008. A proposta é clara, non parece que quede outra saída e temos que avanzar cara ela, empuxando cada cidadán ata proferir un clamor universal. Pero a realidade é que todo isto tamén soa a poesía que, ademais non se escoita moito, nin ben, con tanto balbordo de bombas.