«O de Galiza foi o reino máis poderoso da península entre os séculos X e XIII»
AROUSA
Francisco Rodríguez presentou en Vilagarcía unha obra que rescata a importancia do reino medieval do solapamento historiográfico
30 mar 2022 . Actualizado a las 11:38 h.A proxección pública de Francisco Rodríguez (Serantes, Ferrol, 1945) bebe da súa prolongada traxectoria política coma secretario xeral da UPG, deputado do BNG —no Parlamento de Galicia e, particularmente, no Congreso— e membro do seu consello nacional. Mais hai, tamén, un Paco Rodríguez académico, con traballos de referencia no seu eido profesional, a filoloxía, e agora tamén polo que respecta á historia de Galicia. Onte, Rodríguez presentou en Vilagarcía de Arousa o primeiro tomo de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza, unha reflexión rigorosa e fondamente documentada sobre a importancia do reino medieval galego, solapado na historiografía baixo as etiquetas de Asturias e León.
—Como xorde esta obra?
—Xorde do desacougo que sempre sentín pola ignorancia que a todos nos abafa con respecto á historia de Galiza. Sobre todo na etapa crucial da Idade Media, a de maior esplendor deste país. Xorde coma aspiración de cubrir esa necesidade, e de berro para contribuír a que mude esta situación tan lesiva, que condiciona a formación de todos os nosos rapaces e rapazas. Ata o colmo de que, historicamente, os galegos somos asturianos e leoneses, o cal é radicalmente falso.
—As fontes da época, tanto na Europa cristiá coma no mundo musulmán, refírense, en efecto, a un reino de Galicia.
—Todas as fontes diplomáticas da época, vaticanas, musulmás, carolinxias e francas en xeral, anglosaxonas, o único reino que coñecen é Galiza. E os únicos reis, os galegos. No só isto. As fontes primarias, as máis importantes de orixe galega, pasando pola Historia compostelá, o Códice Calixtino e os tombos de Celanova, Lugo, Ourense ou Tui, demostran que o reino de Galiza existiu e que era o que concentraba máis poder político, económico e demográfico na península entre os séculos X e XIII. A propia historiografía española recoñece determinados feitos dos que non tira conclusións para non mudar o seu deseño. Estas contradicións non poden tolerarse.
—Existindo evidencias tan claras, como é que non se revisan esas bases da historia medieval?
—Non se revisan porque a historia medieval de Galiza é incompatible coa forma na que se conta a historia de España, que non deixa de ser no fundamental a historia de Castela, con antecedentes que se procuran en Asturias e León. Castela é un reino serodio, do século XIII, que se apropia de toda a tradición histórica anterior para proxectar unha imaxe da que en realidade carece. Fíxese que, con todo o que se fala, a historia de Cataluña e a de España non coliden ata o século XVIII. Aquí hai un problema de raíz. Se o reino orixinario da parte noroccidental da península foi Galiza, esa idea hexemónica de Castela destrúese.
—Que me di das institucións académicas galegas? Que pensan?
—Non ten nin pes nin cabeza. O seu é un papel moi negativo, no que mesmo faltan estudos medievais serios por parte da Universidade. O que sucede na catedral, coas visitas e o panteón real, é unha auténtica vergoña.
—Polo que sostén vostede, a denominación daquel primeiro reino debería ser, cando menos, reino de Galicia e de León.
—Na época, o que atopamos é Galiza, pero si, formalmente o nome debería ser ese: reino de Galiza e León. Existe un forte movemento en León de reivindicación da importancia do reino occidental. E levan razón, aínda que é unha verdade parcial, porque o gran omitido segue a ser o que tiña máis poder e determinación. Algúns medievalistas recoñecen que o reino de León era Galiza con algúns anexos. Falamos sempre da Galiza histórica, co norte de Portugal e a Seabra [Sanabria]; non caiamos no absurdo de proxectar o estado actual de Galiza ao pasado, porque no político o reino tiña enorme influencia cara o Leste e no administrativo e xeográfico era moito máis cás catro provincias actuais.
—A obra que vén de presentar, de todas formas, é unha preparación para o segundo tomo, non?
—É un estudo de relevancia dende o século IX ata o XIV, cando se remata a catedral de Santiago, técese a estratexia da alianza co mundo musulmán, ínzase o país de vilas comerciais, danse os reinados de Fernando II e Afonso VIII e o primeiro panteón real da península; cando a diplomacia europea recoñece estes reis coma os máis poderosos, e a nobreza e a burguesía avanzan nunha alianza moi evolucionada xa. Esta situación estoupa na segunda metade do século XIV por causa dunha verdadeira invasión, e será analizada no segundo libro.