Cambados e Vilagarcía volverán coincidir na División de Honra

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O cadro da vila do albariño amarra a permanencia e o seu veciño queda fóra da fase de ascenso

12 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A temporada finalizou o sábado para os dous equipos arousáns na División de Honor, a categoría de prata masculina do tenis de mesa español. Fíxoo confirmando o que xa se sospeitaba tras os resultados dos partidos de ida das súas correspondentes eliminatorias, disputados a semana anterior. E así, o Cambados T.M. e o Vilagarcía T.M. volverán compartir liga a vindeira campaña.

No caso do cadro da vila do albariño trátase dunha excelente noticia, por canto se viu na obriga de pelexar pola permanencia tras a súa actuación na fase regular da competición, marcada por segundo ano por un formato reducido con menos equipos a fin de blindala contra posibles novas vagadas de covid-19.

Logo de adiantarse a semana anterior cun 2-4 no Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra, o Cambados T.M. repetiu o pasado sábado ante o Monte Porreiro B o resultado favorable no pavillón do Colexio San Tomé. Desta volta, precisando de tres xogos menos para resolver o duelo. Lucas Bayona abriu o enfrontamento cun contundente 3-0 ante Cristofer Barreiro. Leandro Fuentes igualou a contenda cun 0-3 a costa de Daniel Casalderrey. Pero Andrés Guillermo Correa e Bayona sentenciaron nos tres emparellamentos seguintes. O primeiro, superando primeiro a Ignacio Fernández 3-0 e máis tarde a Barreiro 3-1, con Bayona derrotando 3-0 a Fuentes. Con 4-1 no marcador xeral e a eliminatoria resolta, Casalderrey volveu caer, desta volta 1-3 ante Ignacio Pedros.

Sorte completamente diferente correu o Vilagarcía T.M. no seu desprazamento a terras madrileñas. Obrigado a remontar o 3-4 da semana anterior, o cadro arousán disputou un duelo moito máis igualado do que fai pensar o 5-1 final que lle deu o pase ao One Vision Parla á fase de ascenso á Superdivisión. As dúas primeiras derrotas en cinco xogos de Sergiy Nigeruk e de Pedro Castro a mans de Marko Jevtovic e de Miguel Ángel Pantoja resultaron cruciais. Lawal Abiodum puxo o 2-1 no seu duelo con Xavier Peral. Pero de novo Nigeruk foi incapaz de trasladar ao marcador a súa condición de xogador franquicia do Vilagarcía T.M. noutro choque a cinco xogos, desta volta con Pantoja coma rival. Jevtovic e Peral derrotaron despois a Abiodum e a Castro en disputados 0-3.