Organizan unha charla sobre a factura da luz e a tarifa eléctrica en Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Será no auditorio o vindeiro venres, a partir das seis e media da tarde

09 may 2022 . Actualizado a las 21:58 h.

O Concello de Vilagarcía, a través da súa A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), sumouse á campaña informativa que está a desenvolver o Instituto Galego de Consumo e da Competencia sobre a tarifa eléctrica. En consecuencia, Vilagarcía acollerá o vindeiro venres, 13 de maio, unha sesión informativa sobre esta cuestión que técnicos do IGCC impartirán a partir das 18.30 horas na sala de conferencias do auditorio para tratar de aclarar conceptos, resolver as dúbidas dos cidadáns e aconsellalos na medida do posible.

Un dos problemas que se atopan os consumidores xa dende hai bastante tempo é a complexidade das facturas por consumo eléctrico, con moitos termos e tecnicismos que non se soen entender. Por iso, na charla do venres, os técnicos de Consumo explicarán os conceptos básicos que figuran na factura da luz para a súa mellor comprensión, e ofrecerán asesoramento para a adopción de decisións que poidan axudar no aforro. Así mesmo, trasladarán aos asistentes diferentes recomendacións, como solicitar sempre por escrito as ofertas comerciais que se reciban e ser cautelosos ao contratar fórmulas de cálculo do prezo da luz de difícil comprensión.

A problemática sobre os prezos da electricidade, sobre as incomprensibles facturas da luz e, nos últimos meses, polas prácticas máis ou menos irregulares das compañías á hora de facturar —acumulando varios recibos, por exemplo—, están xerando un fluxo moi elevado de consultas e aínda máis de reclamacións por esta materia.

Aínda que as compañías eléctricas sempre foron unhas das cuestións máis recorrentes nas temáticas de reclamacións ante a oficina de consumo municipal, o certo é que a OMIC de Vilagarcía detectou un importante incremento no último ano deste tipo de atencións.

Segundo a memoria do servizo, durante o ano 2021 foron 159 as consultas e reclamacións tramitadas dende a oficina municipal por este concepto. E a tendencia segue unha progresión crecente dende o pasado mes de decembro, segundo indican dende o mesmo departamento.