Pedro Muñoz, Ricardo Ramos e Ricardo Lages colaboran no título por equipos da selección española
17 may 2022 . Actualizado a las 16:30 h.A canteira do Kenpo Vilagarcía leva anos xa demostrando a súa calidade nas grandes citas internacionais na súa modalidade de kárate e contribuíndo cos seus éxitos individuais aos que a selección española consegue a nivel de clasificacións por equipos. Como o que a semana pasada o combinado nacional hispano conquistou na cidade tunesina de Hammamet, revalidando o título de Campión do Mundo en kenpo tradicional e rematando cuarta na clasificación xeral.
Galicia sustentou o groso da curta expedición española, de tan só once deportistas, con sete loitadores galaicos. Deles, tres do Kenpo Vilagarcía, todos eles competindo en categoría sénior e volvendo de terras magrebís con catro ouros e tres bronces, asinando unha de cada catro medallas españolas na cita —13 ouros, 11 pratas e 6 bronces—.
A nivel individual, Pedro Muñoz Fole subiuse ao máis alto do podio do cadro de competición de semikenpo en menos de 75 quilogramos e colgouse cadansúa prata na modalidade de kata e na de kobudo. Nesta última, co seu compañeiro arousán Ricardo Ramos facéndose cun dos seus dous títulos, que sumou ao de mellor kenpoka do mundo en defensa persoal masculina. Ricardo Lages, o outro deportista do Kenpo Vilagarcía en Hammamet, fíxose coa vitoria final en defensa persoal mixta sub 21, formando parella coa tamén galega Paula Ouviña, do Kenpo Pobra. Ademais, para maior alegría dos seus compañeiros de club e do seu mentor, Mario Hermo, desprazado coa delegación española ao Mundial en calidade de árbitro, Pedro Muñoz, Ricardo Ramos e Ricardo Lages subíronse xuntos ao podio do Mundial de Túnez para recoller a prata como subcampións sénior de kata en equipo.