A nova vida dunha moza galega en México entre a política e a restauración de luxo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Tras pelexar moito, a vilagarciá Carmen Ozores Gago, profesional da comunicación, labra un futuro no seu novo «fogar». En Aguascalientes pretende quedar para seguir traballando do seu, pero tamén para axudar na loita contra o maltrato feminino

11 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten 25 anos e ben se pode dicir que xa é unha muller de mundo. Unha moza decidida a escribir a súa historia á súa maneira, por moitas liñas torcidas que se lle poñan por diante. E así é como, a base de moito traballo, convicción e un bo fato de desgustos, a vilagarciá Carmen Ozores Gago (22 de Abril de 1997) está a abrirse camiño en Aguascalientes, México, tras case tres anos ao outro lado do gran charco. Compaxinando o traballo de responsable de comunicación de Kendor Macías, rexedor no municipio de Jesús María, e de cicerone dos clientes de La Mayor Cantina Imperial, un dos restaurantes de referencia para a clase alta de Aguascalientes, aos que recibe na entrada do local para acompañalos ás súas mesas. 

Escoitándoa falar, con ese seu peculiar incipiente acento mexicano, o presente non parece máis ca outra parada das moitas que xa leva deixado atrás Carmen. Empezando por un nacemento que aventuraba un efémero paso pola vida: «Aos poucos días de nacer diagnosticáronme tosferina e unha morte case inmediata, sen salvación».

Quen sabe se desa experiencia deveu a súa ansia por querer coñecelo todo. Xusto antes de entrar no instituto, foi unhas semanas a Inglaterra a aprender inglés. Unha experiencia que repetiu outras catro veces na súa etapa de bacheler, incluída unha semana de intercambio en Holanda e dúas nos Estados Unidos.

«Gustábame ler, escribir, informarme e opinar. Sobre todo, aprender. Sempre fun moi inqueda e tiven moitas preguntas que me gustaba resolver polo simple feito de poder explicarllas ben a outra xente». Por iso, á hora de trocar o seu 11,2 de nota media ao termo da ABAU, optou por sacar a carreira de Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña. O penúltimo ano, pasando pola Universidade Viña del Mar de Chile, onde aprendeu o espírito de loita do pobo chileno, onde aproveitou para percorrer tamén parte de Perú e de Bolivia, onde fixo amigos para sempre, algún crucial na súa continuidade en México; e o máis importante, onde acabou de moldear o marco a través do que ve o mundo: «Volvín a España con outra forma de ser, quizais máis adulta, máis paciente e máis clara. Os primeiros meses sentíame como unha estranxeira no meu propio país. Queríame ir de novo. Decidín sacar a carreira e ir vivir a México: a traballar, a buscarme a vida e a manterme por min mesma».

Tal era a determinación de Carmen que o mesmo 15 de xuño do 2019, na noite da gradación da súa promoción de Comunicación Audiovisual, mentres os seus compañeiros o celebraban cunha cea, ela collía un voo destino México.

Varias malas experiencias

O seu primeiro plan era asentarse en Guadalajara, unha das grandes urbes do país, pero, di, ao coñecer Aguascalientes, cidade dun millón de habitantes na zona central de México: «Namoreime do pobo, encantoume a tranquilidade que se respiraba, ademais de que aquí estaban moitos dos amigos que coñecín en Chile».

Sempre co respaldo e co apoio sen condicións dos seus pais desde Vilagarcía, Paco e Mari Carmen, Carmen resistiu os golpes recibidos nos dous anos que botou ata conseguir a súa actual estabilidade. Pelexando a visa de traballo que hoxe desfruta tras encadear o paso por tendas de roupa, o consulado español en Aguascalientes e Zacatecas, nunha empresa de material médico téxtil e nunha firma de relacións públicas e comunicación que prescindiu dela ao pouco de empezar pola explosión da pandemia. E despois, traballando para unha emisora de radio durante medio ano, deixándose a pel e os cartos nos Uber baixo a promesa de cobro retroactivo que nunca chegou, mentres sobrevivía compaxinándoo, sen apenas durmir, de relacións públicas nun bar de música electrónica.

Con todo, as experiencias servíronlle á galega para chegar onde chegou. Vendo a Carmen desesperada, Devany, unha desas amigas para toda a vida que fixera en Chile e cuxa familia a acollera como unha máis en Aguascalientes, conseguiulle traballo en Medialog México, unha axencia de publicidade, de márketing e de comunicación: «Necesitaban xente porque viñan eleccións a alcaldes e deputados locais do estado de Aguascalientes. Aquí os partidos danlles presuposto aos candidatos para ter equipos de comunicación e mesmo lles fan cancións». No seu caso, ocupouse de levarlles as redes sociais e a comunicación dixital a dous candidatos do PAN e a un de Movimiento Ciudadano. Pero un xornalista de Televisa que coñecera na súa ingrata etapa na radio recomendouna a Kendor Macías, que se presentaba a alcalde de Jesús María polo PRI, e tamén a contratou. Macías non gañou, pero non tardou en volvela chamar.

Deseña libremente a comunicación do rexedor tentando axudar a xente

O contrato de Carmen con Medialog México rematou co final da campaña. Pero inda que Kendor Macías non conseguiu o posto de alcalde —Carmen explica que a poboación do Estado de Aguascalientes é maioritariamente pro PAN, o equivalente ao PP en España— si logrou entrar no Cabildo Municipal co cargo de rexedor. Un posto que poden ocupar candidatos dos partidos da oposición que conseguiran os suficientes votos e que mesmo permite presidir comisións sectoriais con capacidade para elevar propostas de medidas e investimentos ao alcalde, quen ten a última palabra. Macías, en concreto, preside as comisións de Deportes e de Obras Públicas.

Carmen, que vive a 10 minutos en coche de Jesús María, explica o seu traballo: «Organizo roldas de prensa, envío boletíns informativos sobre o meu rexedor, fago fotos e vídeos e administro, deseño e xestiono as súas redes sociais». Faino con vocación social, lanzando ás redes contidos sobre cómo aforrar diñeiro ou facer un municipio máis sustentable, con toda a liberdade por parte de Macías e aproveitando «a oportunidade de axudar a alguén» que a levara a estudar a carreira que estudou.

A vindeira semana farán unha viaxe institucional a Arousa

Esta semana Carmen céntrase en ultimar a axenda da viaxe institucional que Macías e Gerardo Gutiérrez, asesor do rexedor, farán do 16 ao 24 deste mes a Arousa acompañados por ela. Unha viaxe que partiu por ser Carmen filla do organizador da Copa Ribadumia de fútbol, un torneo que queren coñecer para montar un semellante en Jesús María como ferramenta de integración para persoas en exclusión social. Ademais, buscarán alianzas empresariais e culturais entre ambos lados do gran charco.

Decidida a quedarse, e coa idea de montar unha asociación fronte ao maltrato á muller

Carmen Ozores di que «me gusta moito o que fago» en México e tamén que «Aguascalientes é o meu fogar xunto con Galicia». Por iso, e sendo que á fin conseguiu facer carreira no seu gremio: «Nun futuro véxome aquí —onde xa comprou un coche e adoptou un can, Zeus, un husky siberiano—, pero indo a Galicia a miúdo. Teño moitas ideas de emprendemento na área de viaxes e de hostalaría».

Así, a vilagarciá aspira a seguir traballando na comunicación e, en paralelo, a abrir un negocio hostaleiro. Pero ademais, e coñecendo como coñece agora o seu país de adopción: «Tamén me gustaría abrir unha asociación de apoio a mulleres maltratadas e dar charlas para educar na igualdade». Porque se ben ela di non ter tido ningún problema, en boa medida por ser güerita, como chaman aló á xente moi branca e rubia nunha sociedade que describe moi clasista e cunha educación ferreamente machista, «aquí é necesario emponderar as mulleres» para evitar o seu maltrato.