Cinco arousáns gañan praza para o Europeo de Maratón de Dinamarca

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RAMON LEIRO

Campos, Romero, Álvarez, Busto e Miguéns acudirán á cita de finais de xullo. A grovense Valeria Oliveira lócese no Campionato Galego de Esprint antes de competir en Belgrado

21 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Inusual. Así resultou a parada que a pasada fin de semana levou a boa parte da elite do piragüismo hispano de maratón ata o encoro zaragozano de Mequinenza, escenario da Copa de España que servíu de corte para a elección dos padexeiros que integrarán o equipo nacional español no Campionato de Europa 2022. Unha cita esta última programada para os días 28 ao 31 de xullo en Dinamarca.

Cinco padexeiros arousáns volveron de Mequinenza con cadanseu billete para a cita continental. Unha vez máis, cos deportistas do Breogán do Grove Tono Campos e Diego Romero á fronte, facéndose con catro dos seis barcos en xogo nas tres canoas séniores masculinas entre as modalidades curta e estándar. O venres, na antesala da Copa de España, Tono Campos impúxose no selectivo específico da distancia curta, sobre 3.000 metros, xusto por diante de Romero, segundo a tan só 790 milésimas de segundo e con pasaporte tamén para o Europeo; Diego Miguéns, das Torres-Romaría Vikinga, entrou terceiro xa a 38,790 segundos de Campos.

A tamén breoganista e medallista internacional Tania Álvarez Yates pelexará polas medallas no Europeo da proba curta do K1 sénior feminino tras rematar no selectivo zaragozano a 1,490 segundos da zamorana Eva Barrios e por diante da vasca Irati Osa, á que superou na pelexa pechada por unha praza na selección española por cuestión de tan só 370 milésimas de segundo.

O calor brutal no encoro de Mequinenza, con 40 graos de temperatura, unidos ao vento reinante, levou á Real Federación Española de Piragüismo a recurtar as distancias estándar na fin de semana. Foi así como, a pesar de atoparse lonxe da súa mellor condición, Tono Campos, que chegaba de superar un proceso vírico, conseguíu facerse tamén cunha das prazas continentais no C1 en xogo o sábado, colgándose a prata na final da Copa de España de Maratón só por detrás do tudense Manuel Garrido, a 1,810 segundos; Diego Romero foi bronce xa a 47,840.

Tania Álvarez volveu copar os dous primeiros postos xunto a Eva Barrios, só que desta volta, sen opción de pelexarlle a esta a vitoria, prata na Copa de España a 27,920 segundos de desvantaxe.

O domingo tocaba o programa das embarcacións dobres en Mequinenza. E os C2 sénior masculinos de Tono Campos e Diego Romero, por un lado, e de Fernando Busto e Diego Miguéns (As Torres-Romaría Vikinga), polo outro, conseguiron o billete a Dinamarca sen padexar, ao non presentarse ningún outro barco e obtendo o plácet da organización ao non poder optar ás medallas da Copa pola falta dos tres barcos mínimos para validar o podio.

A grovense Valeria Oliveira lócese no Galego de Esprint antes de competir en Belgrado

Mentres a elite de maratón se concentraba en Mequinenza na Copa de España de longa distancia, no Complexo Deportivo David Cal de Pontevedra máis de 400 padexeiros se citaban no Campionato Galego de Esprint. Unha cita con varios nomes propios arousáns.

A nivel de equipos, os do Piragüismo Illa de Arousa e o Náutico O Muíño de Ribadumia, primeiro e segundo clasificados na categoría xuvenil feminina; co Grupo Xuvenil As Pontes completando o podio.

A nivel individual, cómpre salientar tres nomes propios. Na canoa masculina, o do vilanovés do Náutico O Muíño Manuel Fontán, campión sénior no C1 500. No caiac masculino, o do meisino Iago Monteagudo, que xunto co seu compañeiro no Naval de Pontevedra Manuel Rivas fixéronse co ouro no K2 do medio quilómetro. E na canoa feminina, o da grovense da Escuela Piragüismo Poio Valeria Oliveira Otero, dobre campioa autonómica no C1 200 e 500.

Nestes dous barcos competirá esta mesma semana Oliveira en Belgrado. Lucindo a licra da selección española xuvenil no Campionato de Europa desta categoría e mais da sub 23, programado para os días 23, 24, 25 e 26.

Valeria Oliveira é, desta volta, a única representante do piragüismo arousán na primeira das dúas grandes citas internacionais do 2022 nas categorías que preceden á absoluta. No C1 200, co plus de tratarse dunha das dúas canoas femininas do programa olímpico.