A recollida porta a porta en Cambados permitiu compostar 18.650 quilos de lixo
AROUSA
Dez establecementos de hostalería utilizan este servizo desde hai seis meses
25 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O sistema de recollida porta a porta de residuos orgánicos entre grandes produtores implantado polo Concello de Cambados a principios deste ano xa dou os primeiros resultados. Segundo as cifras ofrecidas pola empresa concesionaria Valoriza, nos seis primeiros meses do ano recolléronse un total de 18.650 quilos de materia orgánica cunha retirada de 726 contedores entre os dez establecementos de hostalería adheridos ao servizo.
O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos, Samuel Lago, fai un balance positivo destas cifras. «De seguir esa progresión, a finais de ano conseguiremos chegar aos 40.000 quilos de residuos orgánicos, que, en lugar de acabar en Sogama son trasladados a unha planta de compostaxe, previo paso polo compactador de residuos ubicado nas instalacións de Valoriza, no polígono de Ribadumia», segundo indica o rexedor.
Ademais, o socialista felicita aos locais de hostalería participantes pola súa implicación, destacando ao Parador, Plus de Sucre e A Cultural entre os establecementos do casco urbano, e a Casa Rosita, en Corvillón, e o bar Cruceiro e Casarello na parroquia de Castrelo.
Paralelamente, o Concello segue ampliando a rede de composteiros individuais cunha nova entrega de depósitos para compostaxe doméstica realizada este martes no punto limpo situado en Sete Pías. O alcalde, que estivo presente na charla informativa impartida pola técnica de Medio Ambiente Nuria Rodríguez, agradeceu aos participantes no programa a súa implicación nesta iniciativa que permite unha mellor xestión dos biorresiduos.
A este equipamento que vai destinado aos fogares hai que sumar os dous últimos composteiros comunitarios instalados en Beleco e ao carón do centro de día, que completan a rede municipal xunto cos composteiros da Merced, plaza Clemencio Fernández Pulido, praza de abastos, Os Olmos e San Tomé.