Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O vilagarcián que pide cos pés máis doantes de medula para superheroes

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Adestrador persoal, Samuel Fariña Cerviño volverá participar o vindeiro mes na Vuelta a Galicia 700, unha carreira en cinco etapas a prol dos enfermos de leucemia

30 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unir á carreira e por relevos os sete hospitais de Galicia que rexistran doantes de medula ósea e repartir en cada un deles un cento de capas de superheroes aos seus pacientes de leucemia por «enseñarnos cómo se lucha ante la adversidad». Estas son as formas que visten a iniciativa Vuelta a Galicia 700... Sobre nuestros pasos. Rehaciendo caminos de vida que promove a Asociación Frangil. Unha acción repartida en cinco etapas encadeadas do 8 ao 12 de outubro cun poderoso obxectivo de fondo: promover o crecemento do número de doantes de medula ósea para, dese xeito, elevar as posibilidades de supervivencia de doentes coma Fran Gil, pai e irmán de David Gil, impulsor no 2009 da mencionada asociación tras falecer os seus dous achegados por leucemia. 

Samuel Fariña Cerviño enrolouse para participar como relevo na quinta e derradeira etapa da iniciativa, a que o mércores 12 de outubro partirá de Caldas de Reis con parada no CHOP de Pontevedra e final no CHUVI de Vigo tras 60 quilómetros. O vilagarcián querería poder participar en todas as etapas, como varios dos relevistas e como el mesmo fixo na primeira edición baixo este formato da Vuelta a Galicia 700, pero unha viaxe fóra da Península impedirállo.

Adestrador persoal e técnico en discapacidade e mobilidade reducida, a conexión de Fariña coa Asociación Frangil remóntase ao ano 2010. Foi entón, recorda, cando coñeceu en Vigo a David Gil nun curso de formación de adestrador persoal do que este último era mestre e, con el, a súa dura historia familiar. E así soubo do comezo do que hoxe é a Vuelta a Galicia 700: «Cando a David lle faleceu o seu irmán decidiu unir no 2009 os sete hospitais de Galicia que rexistran os doantes de medula e deixar cen camisetas en cada centro destinadas ás seguintes persoas que decidisen ingresar no rexistro» ou, como din na Asociación Frangil: «Regalar vida en vida».

David Gil acometeu aquela primeira experiencia en solitario, correndo 489 quilómetros en dez días. O colectivo que fundou en Vigo, hoxe con medio cento de integrantes, entre eles o propio Samuel Fariña, decidiu organizar, xa con carácter anual, unha marcha seguindo o trazado da primeira etapa da primeira Vuelta a Galicia 700, entre Vigo e Pontevedra. Con xente andando o camiño e outra facédoo á carreira ou en cadeiras de rodas e bicicletas adaptadas no caso de persoas con problemas de mobilidade. Entre os pouco máis de dúas ducias de pioneiros que estrearon a marcha —este ano a edición contou con arredor dun milleiro— figuraba xa Samuel Fariña. Tamén entre os seis membros da Asociación Frangil que no 2019, co gallo do décimo aniversario daquela pioneira Vuelta a Galicia 700, quixeron elevar o volume do seu chamamento a prol das doazóns de medula ósea repetindo a conexión dos sete hospitais galegos, só que desta volta na metade dos días, relevándose cada 5 quilómetros nas cinco etapas nas que se volveron repartir camisetas para os novos voluntarios dispostos a regalar vida en vida.

Posposto pola pandemia, este ano, explica Samuel Fariña, retómase a Vuelta a Galicia 700, co propósito de redondear a acción facendo o mesmo percorrido, pero en sentido contrario. Partindo desta volta desde o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con dirección ao CHUO de Ourense, o 8 de outubro, para visitar o HULA de Lugo, o CHUF de Ferrol, o CHUAC da Coruña e o CHUS de Santiago de Compostela nos días sucesivos antes da derradeira etapa, con paradas no CHOP e no Álvaro Cunqueiro.

Simple extracción de sangue

Ademais de trasladarlles nesta ocasión toda a súa forza aos enfermos de leucemia coa entrega de cadansúa capa de superheroe, «queremos promover a doazón de medula ósea, xa que en España hai moi poucos doantes en comparación con outros países e cada vez hai máis enfermos de leucemia, tamén entre os nenos. E tamén», sinala Fariña, «aclarar lendas negras sobre a doazón, para que a xente saiba que tan só se ten que prestar a unha extracción de sangue para entrar nunha base de datos».