Disipar dúbidas, exame parcial do Arousa fronte ao Alondras

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Tras dúas vitorias pola mínima e a derrota da semana pasada co Fabril, os de Luisito seguen pendentes de facer un partido redondo

02 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O campo municipal da Lomba é esta tarde (17 horas) o escenario dun dos clásicos por antonomasia do Grupo 1 da Terceira Federación. Fronte a fronte, o Arousa e o Alondras, dous ocupantes do vagón de cabeza en case que cada nova viaxe de agosto a maio do tren da categoría. Un traxecto que o cadro vilagarcián confía en completar desta volta collendo o transbordo á Segunda Federación da que se viu forzado a apearse a pasada primavera.

A que toca hoxe é a cuarta parada do tren 2022/23. Por diante, inda outras 26 máis. Con case que todo o percorrido inda por diante, o conxunto que adestra Luisito ten ante si un deses exames parciais que convén aprobar para non ir acumulando cargas quizais inasumibles cando o tren se acerque ao seu destino de aquí a oito meses.

Hoxe ao Arousa tócalle un deses exames parciais. Os 6 puntos á conclusión das dúas primeiras xornadas de Liga debuxaron un panorama clasificatorio un tanto enganoso, distorsionando a imaxe dun equipo, o arlequinado, con serios problemas para ver porta, con vitorias pola mínima, e groseiros erros defensivos finalmente penalizados a semana pasada no campo do Deportivo Fabril en forma da primeira derrota da temporada: 2-1. Ao anterior súmase a máis ca discreta imaxe ofrecida polos de Luisito no seu ata hoxe único encontro de Liga na Lomba, cun Paiosaco de volta este ano á Terceira Federación procedente da Preferente Autonómica que foi quen de mostrarse mellor có seu anfitrión durante parte importante do duelo en chan vilagarcián.

Así as cousas, conseguir o seu primeiro partido redondo é hoxe a misión do Arousa, máis aló da consecución do triunfo que leva de seu cada actuación de Liga do que todos os seus rivais cualifican como o adversario a bater de cara á consecución da praza de ascenso directo.

Diante, o cadro de Luisito atópase cun Alondras décimo na clasificación do seu grupo de 16, con 4 puntos en tres partidos, só 2 menos có seu rival hoxe. Catro puntos, ademais, encadeados nas súas dúas últimas comparecencias, cun empate a uns no feudo do Deportivo Fabril e só cedendo dous puntos no tempo de desconto, e cun triunfo, por 2-0, sobre o Atlético Arteixo, logo de caer na primeira xornada, 2-4, cun Silva que esta semana liderou a táboa clasificatoria.

Unha baixa e tres dúbidas

Cun parón dunha semana por diante tras o partido de hoxe, pola participación, como anfitrioa, da selección galega de fútbol afeccionado na fase intermedia da Copa das Rexións Uefa, Luisito subliñou na véspera do choque co Alondras a boa dinámica do seu rival e o feito de que dispoña de futbolistas de gran categoría, coma os veteranos Jesús Varela e o ex arlequinado Aitor Díaz, na defensa, ou Mauro na medular.

No tocante á enfermería, o adestrador do Arousa descartou a Campillo, na fase final da recuperación da súa lesión, e amosou as súas serias dúbidas sobre poder dispoñer de Brais Pedreira, Javi Sandá e Sylla, os tres con problemas físicos.

Os xuvenís xogan co Racing en Santander

Tamén hoxe xoga o seu partido de Liga o Arousa de División de Honra Xuvenil. Faino, ademais, diante do equipo dun dos grandes clubs do balompé español, o Racing de Santander, ao que se mide a domicilio desde as 12.30 horas no campo municipal de Bezana. O adestrador do cadro vilagarcián, David López, «Perú», sinalaba onte ao respecto: «Esta semana traballamos coa ilusión de ir a Santander e poñerllo difícil ao Racing. Ao final, esta competición dáche a oportunidade de poder competir con equipos deste nivel». Perú agarda un Racing que aposte pola continuidade do xogo e por posesións longas, contra o que toca: «Tentar minimizar espazos e que non sexan quen de xerar superioridades». O Arousa viaxa con todos os seus efectivos, ao non convocar Luisito a ningún xuvenil, Hugo Losada á marxe.