Ribadumia recoñece os seus mellores deportistas do 2020 ao 2022

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Concello de Ribadumia

Celestino Iglesias Duarte e Eva Lede Reboredo recibiron o premio a mellores deportistas séniores

02 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio Municipal de Ribadumia foi o escenario a última hora da tarde de onte da quinta edición da Gala da Festa do Deporte. Unha xuntanza que o goberno local encabezado polo alcalde David Castro quixo recuperar tras dous anos de parón por mor da pandemia. De aí que os trece premiados o fosen tendo en conta os seus méritos e as súas follas de servizo durante os tres últimos anos, 2020, 2021 e 2022, e non só o último, como é o ordinario neste tipo de galardóns.

Co deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, co xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e coa presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez, entre os asistentes ao acto, estes foron os gañadores das respectivas categorías recoñecidas polo Concello de Ribadumia.

Adrián Ferreirós Pérez e Marta Utrera Carballo, do Club Ciclista Ribadumia, levaron os premios a mellor deportista promesa masculino e feminina. Celestino Iglesias Duarte (Desguaces Tino Racing) e Eva Lede Reboredo (Asociación Pole Sport do Salnés), os de mellor deportista ribadumiense masculino e feminina. Manuel Fontán Señoráns (Club Náutico O Muíño) e Desirée Fernández Rey (Club Ciclista Ribadumia), os de mellor deportista non ribadumiense nun club da localidade. O Xuventude de Sisán CF e o equipo júnior do Club Náutico O Muíño, os galardóns a mellores equipos masculino e feminino. O Desguaces Tino Racing, o de mellor club. Francisco Javier Pombo Vidal, do Club Ciclista Ribadumia, o de mellor adestrador ou preparador. Cecilia Abal Mosteiro, do Club Ciclista Ribadumia, o premio ao mérito deportivo. Kiwi Atlántico, ao patrocinador. E Fran Rodríguez, de Rally Streaming, o de comunicación.

Ademais, o xurado da Festa do Deporte decidiu conceder cadansúa mención especial a Francisco Presas e a Jorge Quintana, coordinadores das bases do CD Ribadumia e do Umia CF, respectivamente, recoñecendo deste xeito o seu labor e dedicación aos valores do deporte dentro das súas entidades deportivas.

O alcalde de Ribadumia, David Castro, aproveitou a ocasión para animar os deportistas locais a seguir traballando na mesma liña e a que continúen pelexando para gozar de novos éxitos que fagan sentirse orgullosos os seus veciños. O acto concluíu coa tradicional foto de familia con todos os premiados e candidatos —houbo 22 para os 13 premios concedidos polo xurado—.