Vilagarcía volverá conxelar as taxas e impostos municipais no exercicio do 2023

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

As únicas excepcións son os tributos por auga e depuración, que por contrato deben actualizar o IPC

15 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía aposta nos orzamentos municipais do 2023 por volver conxelar as taxas e os impostos aos cidadáns da capital arousá, coas únicas excepcións das taxas da auga e da depuración que, por obrigas contractuais, serán incrementadas segundo a variación do IPC. Así llelo fixeron saber na tarde de onte a tenente de alcalde, Tania García, e a concelleira de Facenda, Luz Abalo, aos representantes dos grupos da oposición, que puideron coñecer de ambas as dúas a proposta de novos orzamentos do goberno local. Este será, explican desde Ravella, o sétimo ano consecutivo no que o executivo de Alberto Varela avoga pola conxelación dos instrumentos fiscais en mans da Administración Local.

Na xuntanza, García e Abalo informaron da intención de simplificar a bonificación do imposto de circulación destinado a persoas con discapacidade, de xeito que non se esixirá que o beneficiario figure no seguro do vehículo.

Ravella trasladoulle tamén á oposición o modelo de ordenanza de transparencia redactada pola Federación Española de Municipios y Provincias para o inicio da súa tramitación, e os cambios introducidos no regulamento de uso de funcionamento dos mercados públicos tras as alegacións presentadas logo da súa aprobación inicial en pleno. A oposición soubo tamén que o nomeamento de Agustín Pereira como Fillo Predilecto da Cidade faráse en pleno o 19 de novembro.