Xosé Ramón Mariño Ferro: «Pedir para as almas ten que ver co purgatorio e pódese datar, xa que antes do século XII non existía»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Estudoso da cultura tradicional galega, o antropólogo fala deste costume e os seus vencellos coa Santa Compaña

02 nov 2022 . Actualizado a las 19:47 h.

Autor dun bo número de tratados sobre etnografía e antropoloxía de Galicia, Xosé Ramón Mariño Ferro vincula a tradición de pedir unha esmola polas ánimas co xurdimento da idea do purgatorio: «É un costume que, polo tanto, se pode datar, xa que antes do século XII o purgatorio non existía. Os teólogos católicos crean entón ese espazo intermedio entre o ceo e o inferno. Un estado temporal de purificación que os vivos podían axudar a reducir coas súas esmolas, algo que criticou moito a reforma protestante».

Aínda que normalmente no se vencella con ela, o profesor atopa unha relación clara entre este fenómeno e unha figura tan célebre coma a da Santa Compaña —denominación, por certo, minoritaria no rural galego, onde a procesión das ánimas chámase Compaña, Estadea, Hoste ou, no norte de Galicia, tamén Ferranchada—. «A Santa Compaña non é máis có purgatorio tal e como se entendía no rural, e en realidade dende que os teólogos crean ese espazo intermedio». Para que conceptos coma ceo e inferno penetren na mentalidade das xentes é preciso asocialos a unha imaxe: a música e os xardíns celestiais, o lume infernal. «Para o purgatorio seguiuse co lume, aínda que se trataba dun lume temporal, e botouse man doutra imaxe para a purificación dos pecados: a romaría, a peregrinación, que é un acto polo que te purificas camiñando para entrar no lugar sagrado. Por iso a Compaña é unha peregrinación de mortos».

Existen crenzas moi semellantes en toda Europa. En Asturias, en Italia, en Alemaña ou Francia, vinculadas, ademais, a unha idea de compañía militar do diaño: «Son perigosos porque veñen do purgatorio e, malia que se poden purificar, aínda están do lado do mal. Para os vivos, atoparse con eles significa a morte».

Polo demais, o costume dos doces que os nenos da Illa piden coma esmola é unha transferencia habitual: «Sucedeu cos Maios, que agora tamén se asocian cos nenos e antes eran cousa de adultos. E o costume de pedir existía en practicamente todas as festas. No Entroido íase pedindo. Quen cantaban polas casas as panxoliñas no Nadal pedían. Fortalecíase o sentido comunal».