O ano que remata marcou unha mala etapa no mundo
18 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Querido lector: Vento da Travesía despídese por este ano, unha mala etapa no mundo. No persoal, tamén regular. No planeta hai máis guerras que cando empezou, así que estes máis de trescentos días pasaron en balde. Aínda peor: os dirixentes están infestados dunha loucura belicosa, como outra pandemia, e nesa tolemia colectiva prometen destinar máis cartos, deses que producimos a xente común, para incrementar o dispendio en armas e preparar guerras propias e alleas.
Entrementres, os que soportamos isto vemos como pagamos máis para comer, para desprazarnos e, en fin, andamos con esa sensación de sermos, en vez de orgullosas persoas con dereitos, simples recursos financeiros, escravos sen amo coñecido. Querido lector, polo mundo adiante resoan estes días o almibarado Holy Night ou o falsísimo It´s The Most Wonderful Time Of The Year, —si, si, en inglés— que non silencian os disparos nunhas setenta guerras nas que cada día rematan a vida individuos coma nós; porque as vítimas son, sempre, persoas correntes.
O 2022 non foi un bo ano nin para o mundo nin para a xente, así que Deus o vexa ir. No persoal houbo de todo: cada domingo fun fiel á cita con vostede, lector; en compañía de Carlos Álvarez, Lino Prieto e Juan Francisco Vidal, a parroquia de San Vicente publicounos un libro sobre Adro Vello cos artigos que vostede puido ler aquí e ese xacemento, por fin, foi escavado dun xeito científico. Neste ano fóronseme para sempre persoas queridas, que botarei de menos, nunha especie de ir quedando só; e iso non ten remedio por moito que permanezan connosco a memoria delas e as vivencias compartidas.
No 2022 tamén se puxo de manifesto que dependemos —estamos manexados— de forzas escuras: soben os prezos de produtos básicos sen que saibamos moi ben por que se lle aumentan a quen non fixo nada para esa flutuación; vense, na loita diaria, as dificultades das persoas do común para asumir con dignidade o día a día. Non pasou un bo ano, non. E non sei como vai vir o que vén, porque nacerá pexado polo que se empezoñaron os anteriores. Aínda que, soñemos, cabe a posibilidade, se cadra, de que, de súpeto, se produza unha reviravolta e alguén decida que todos eses miles de millóns de euros que se destinan a matar xente vaian para eliminar a pobreza e investir en educación e saúde. Por que non? Podería ser. A verdade é que cada vez son máis os que están a pedir ese cambio.
Ademais, o vindeiro 20 celebrarase o Día Internacional da Solidariedade Humana. Xa teño dito aquí que solidariedade significa sermos todos un —formar un sólido—. Oxalá que a ONU saiba convencer os gobernantes de que a solidariedade entre os humanos —cadaquén coas súas particularidades—, debe presidir as relacións entre os Estados, e que aí temos o camiño para acabar coas guerras, coa pobreza e avanzar na busca da igualdade.
Cando se inaugurou este século XXI, na Declaración do Milenio, xa se predicou —predica meu frade, que por un oído me entra e por outro me sae— que os valores fundamentais para as relacións internacionais no novo século tiñan que ser a liberdade, entendida como o dereito a vivir a vida e criar aos fillos con dignidade e libres de fame, violencia, opresión ou inxustiza; a igualdade; a solidariedade, para abordar os problemas mundiais entre todos con xustiza e equidade; a tolerancia; e o respecto pola Natureza, modificando as pautas insostibles de produción e consumo. Case vai alá un cuarto dese século e este último ano foi un dos peores. Así que, querido lector de Vento da Travesía, que teñamos un mellor 2023! Non será difícil, digo eu.