Producido en Los Ángeles por Carlos Rodgarman, «Xunto a ti» constitúe o xermolo do novo proxecto do músico nado en Catoira, que non se marca fronteiras nas vésperas da súa nova xira
01 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A escena comeza cun punto de maquillaxe nun corredor. O noso home é conducido cara a un espazo cálido, arredor dunha piscina. Vestido con chaqueta branca, saúda e acariña o micro. A música flúe e faise co protagonismo. Calquera que non seguise cunha mínima atención a súa carreira en solitario, abrirá os ollos coma pratos ao escoitar a quen durante nove anos puxo o son da súa arpa ao servizo dunha lenda: Milladoiro. O folk no que medrou e o pop cara ao que conduciu o seu talento nunha primeira etapa, logo de abandonar o buque insignia da música galega de base tradicional, continúan aí. Pero Xunto a ti, o último lanzamento de Roi Casal (Catoira, 1980), en forma de videoclip, é algo moi distinto: «Cando fixemos Son galego, son cubano [a epopea musical coa que rendeu homenaxe a Xosé Neira Vilas e aos lazos que unen Galicia e Cuba] pasamos de facer música galega moderna a dar un cambio radical cara a música latina fusionada coa de aquí. Non pensei que fose a ser máis ca unha tempada, pero marcou a miña carreira. O que estamos facendo é pop latino sen complexos». En galego, porque o compromiso coa lingua e coa cultura é innegociable. E tamén en castelán, porque non hai razón ningunha para dar as costas a un mercado potencial de oitocentos millóns de persoas.
En apenas uns días, a versión orixinal do seu novo tema superou as trinta mil visualizacións. «Unha barbaridade, tendo en conta que, de momento, só se lanzou para o público galego». Abonda falar un anaco con el para comprobar que Roi posúe unha comprensión fonda do fenómeno musical contemporáneo, que, lonxe de se esgotar na súa dimensión artística, incorpora a inevitable faciana do negocio e o emprendemento. «Son galego, son cubano foi unha experiencia vital que me valeu para aprender que non hai por que marcarse límites. Pensa en grande, que logo a música e a vida xa te poñerán no teu sitio». Algo tería que ver en todo isto a influencia do seu pai, Nando Casal, un dos fundadores de Milladoiro. «Unha das leccións que me deu foi que para ser libre na música non podes depender unicamente da música». Así que, ademais da súa formación coma arpista, o músico arousán ten unha licenciatura en Farmacia e dende hai un par de anos rexenta Harpazul, un persoal e fermoso hotel que, ademais de contribuír á dinamización dunha pequena vila como é Catoira, fai o servizo de cuartel xeral e sala de ensaio.
Galicia continúa no cerne da súa música e a súa proposta. «O noso combustible son as xiras aquí. En febreiro imos rematar, logo de seis anos, a de Son galego, son cubano, en Cervo. E axiña, en maio, comezaremos coa nova. Aínda que non ten nome, é posible que se chame Ambos mundos. Por varias razóns; entre elas, porque así se chama un hotel cubano no que se aloxou Hemingway. Na súa terraza negociouse moito de Son galego, son cubano. Ese, probablemente, sexa o eslavón».
As xiras, os premios e os contactos en América imprimen unha vocación global ao proxecto. Para comezar, a intervención do produtor Carlos Rodgarman, con quen vén de gravar as voces e traballar o material que conformou Xunto a ti, en decembro, ao longo dunha estadía en Los Ángeles. «Moita xente me dicía que debía contactar con el. Non por snobismo nin nada semellante, senón por procurar unha produción que non fose de aquí, unha visión externa. Carlos é un galego de enorme talento que tocaba en orquestras e con vinte anos fixo as maletas. Un exemplo de home feito a si mesmo. Está asociado con Humberto Gatica e especializado na produción de cantantes. Falamos de xente do nivel de Céline Dion e Michael Bublé, mesmo Michael Jackson. Nós chegamos coa música gravada de aquí, aló gravamos a voz e fixemos a produción musical. Quedei moi sorprendido coa amplitude de rexistros e como se lle pode dar un aire fresco a un tema».
A idea, agora, é darlle a volta ao calcetín. Nun universo musical caracterizado pola velocidade e a permanente mudanza, Roi Casal tentará compaxinar a súa nova xira, planificada para uns catro anos, con visitas de traballo a Los Ángeles baixo a batuta de Rodgarman. Os novos temas iranse incorporando en tempo real á xira, e neste proceso gañará corpo un novo álbum, composto por unha ducia de cancións e doce videoclips. «O público vai poder ver o mellor dos dous mundos. O latino e o pop. A arpa nos momentos estelares. Os temas consolidados, os que se poderían chamar, con toda a modestia, os grandes éxitos, acompañados dos novos síngels», promete Roi. Tentar, en definitiva, «facer música dende Galicia para sermos universais», sen moita máis receita ca «un excelente equipo, erguerse ás sete da mañá cada día e traballar e traballar».
«xunto a ti»
O videoclip. Gravado en Catoira, nas Torres de Oeste e en Harpazul, en Vilanova de Arousa e Cervo, no Paseo dos Namorados e na fervenza de Sargadelos, o videoclip de Xunto a ti foi dirixido por Virvi Fraga e conta coa participación da actriz Beatriz Serén, para quen Roi só ten palabras de agradecemento: «Bea ten algo especial, que engancha, unha ollada potente e sensual, cun perfil perfecto para o noso traballo. No lle podo estar máis agradecido pola súa axuda durante a rodaxe».