O Castro Alobre celebra o día da autora cunhas tazas deseñadas por alumnas
24 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Rosalía cada día. Ese é o lema elixido este ano polo grupo de normalización lingüística do instituto Castro Alobre (Vilagarcía) para a acción despregada con motivo do 23 de febreiro, o día dedicado á primeira gran poetisa das letras galegas. Esas palabras foron ofrecidas ao alumnado para que elaborasen un deseño co que ilustrar unhas tazas que agora están a se vender, ao prezo simbólico de dous euros, entre a comunidade educativa. A chamada tivo una resposta espectacular, segundo explica Pepe Torres dende o equipo de normalización e dinamización lingüística: ata douscentos traballos chegaron ata a súa mesa.
O xurado tivo traballo. E un traballo complicado, porque desta volta a creatividade desbordou todas as expectativas. Finalmente, os traballos elixidos foron o de Sara Nogueira e Leire Álvarez. A primeira propuxo un orixinal calendario do mes de febreiro no que Rosalía aparece cada día. O 23, marcado: é unha data sinalada. Leire, pola súa banda, inspirou a súa obra nun poema dedicado pola de Padrón á ría de Arousa, e debuxou con letras unha «inchadiña branca vela» sobre a que se atopa o rostro da poeta.
Pero había moitos máis traballos que merecían un recoñecemento. E o instituto decidiu converter en carteis eses outros sete traballos que merecían ser sinalados. Había propostas do máis variadas: debuxos cargados de poesía, collages... Todos eles cun denominador común: foron imaxinados e deseñados por rapazas que non quixeron deixar pasar a oportunidade de participar nesta iniciativa.
«A verdade é que houbo un nivel moi alto», sinalaba Pepe Torres, que se amosaba satisfeito de que, malia o paso do tempo, esta actividade siga a ter tan boa acollida. E que sirva, dalgún xeito, para poñer o foco sobre Rosalía e a súa obra. Da autora saben as rapazas do Castro Alobre que era unha poeta. Pero saben, tamén, que era «unha defensora da súa terra, que non se avergoñaba de ser de onde era e que a defendía», segundo nos relata, por exemplo, María. Julia, apunta outro elemento fundamental da vida de Rosalía: «Tiña un pensamento feminista que, naquela época, era difícil de atopar».
Agora, todos eses pensamentos poderán telos presentes cada mañá, cando tomen o almorzo na súa nova taza rosaliana. Ao fin e ao cabo, todos os días do ano son bos para lembrar a Rosalía de Castro.