
Os tempos mudaron, implacables, a vida de aldea deixou de estar imbricada na agricultura
26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Que si: que me gustaría ser alcalde!. E como xa puxen aquí algunha cousa do que faría, hoxe quero falar doutra. Antes, permítanme lembranzas: na miña infancia de aldea dos anos sesenta non existían residuos. Non pola escaseza, senón porque os refugallos tiñan utilidade. A borralla gardábase para usala como abono nas brañas; os labradores carretaban as algas para as terras de labor e cachaban o valume mantendo limpos praias e montes; ao ultramarinos íase con cadansúa bolsa, ou recipiente, —nas casas había diversos envases: damaxuana, balde, leiteira—, comprábase a granel e envolvíase en papel de estraza, basto, áspero, sen branquear. En fin: economía circular. Mais os tempos mudaron, implacables, a vida de aldea deixou de estar imbricada na agricultura e as poboacións urbanas convertéronse no xeito común de vivir.
Así xurdiu a dificultade porque nas vilas e cidades fíxose inviable a permanente reciclaxe da aldea e as sobras de todo transformáronse nun grave problema. Hai algo así como un ano a Asociación Barlovento organizou no Grove unha homenaxe a Joaquín Álvarez Corbacho, alcalde nos anos oitenta, que no seu breve mandato foi un adiantado ao seu tempo; entre outras cousas, como nos recordaba con emoción o seu amigo Manolo Iglesias, argallou a recollida sistemática do lixo naquela vila pequena. Sen medios, dou en empregar grandes bidóns de alcatrán, piche, como colectores coa conseguinte péga para descargalos no camión de recollida. Daquela os desperdicios urbanos queimábanse e era normal ver en cada poboación algún monte a fumegar que sinalaba onde se lles poñía lume. Despois empezouse a falar da xestión dos residuos; xa era outra cousa: a palabra indicaba o uso dalgún tipo de técnica para eliminalos e transformalos. Creouse unha empresa pública que, precisamente, gabábase de xestión, anque seguía facendo arder parte das sobras da vida urbana. Agora ese camiño é imposible porque o volume de produción de ciscallo é inmenso: os residuos suman cada ano no mundo once mil douscentos millóns de toneladas; novecentos trinta e un millóns de toneladas de alimentos e trinta e sete millóns de toneladas de plástico. En Galicia, Sogama recolle un millón de toneladas. O cancro é o plástico: recíclase só o 9% e tarda entre 100 e 1.000 anos en degradarse. Ante esta situación pavorosa, alarmante, o Secretario Xeral das Nacións Unidas ten convocada unha xuntanza o vindeiro día 30 para intercambiar experiencias, entre as que tratará as iniciativas locais de cero refugallos. Cero, porque o único xeito de non ter que xestionalos é non producilos.
É viable e temos exemplos como San Francisco (USA) que leva niso desde o 2009 e un ano despois rebaixouno nun 80%. Galicia publicou a Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia e o ano pasado España a homónina Lei 7/2022, cos modestos obxectivos que pode que non se cumpran, de que no 2025 se baixe un 13% e no 2030 un 15% de produción de desperdicios con respecto a 2010. Seguen a falar de xestión, un concepto caro e anticuado co que se fixeron famosos os tres erres: reducir, reutilizar e reciclar que, por definición, precisan produción de lixo e non sei se a incentivaron. Hoxe en día —aí está o movemento Cero residuos (Zero waste)— o obxectivo ten que ser non ocasionalos para non ter que xestionalos e fálase da práctica dos cinco erres: rexeitar o que non se necesita; reducir o que se precisa; reutilizar todo tipo de materiais, envoltorios e envases; reciclar o que non se poida rexeitar nin reducir e, cunha verba inglesa, rot: descompoñer e transformar en abono a materia orgánica. Cinco erres, non é difícil. Votarei polo candidato a alcalde que o propoña.