A Lomba, Burgáns, Baltar e A Senra serán os campos da fase final da Copa das Rexións UEFA
![Pablo Penedo Vázquez](https://img.lavdg.com/sc/e0x1r55z20hoKh-0KynX5YLKJuk=/75x75/perfiles/187/1623079114415_thumb.jpg)
AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/DHKX6rNrH8Q19SEuchdoTNcQ9Lo=/480x/2023/03/27/00121679936103058273956/Foto/AM28C6F1_1.jpg)
O estadio vilagarcián compite co de San Lázaro e Balaídos por albergar o partido polo título o 17 de xuño, tras a liguiña de grupos entre as oito seleccións clasificadas que se disputará do 9 ao 14 do mesmo mes
27 mar 2023 . Actualizado a las 20:20 h.A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) confirmou este luns os catro campos pontevedreses que servirán de escenario da fase final da Copa das Rexións UEFA: A Lomba (Vilagarcía de Arousa), Burgáns (Cambados), A Senra (Ribadumia) e Baltar (Portonovo, Sanxenxo).
A elección foi desvelada logo da visita, este luns, dunha delegación de representantes da UEFA e das oito seleccións que competirán polo cetro do mellor combinado territorial do fútbol afeccionado europeo entre o 9 e o 17 de xuño. Polo camiño quedáronse os campos Salvador Otero, da Illa de Arousa, e San Pedro, de Vilalonga (Sanxenxo), que como os catro elixidos, foran inspeccionados nunha visita a finais de xaneiro polos técnicos da UEFA Aline Sys e Claudio Negroni tras postular a RFGF O Salnés como localización da fase final.
O anuncio da elección dos terreos de xogo chega só un día despois do sorteo dos emparellamentos realizado o domingo no estadio Abanca Riazor durante o descanso do gran derbi da Primeira R.F.E.F. entre o Deportivo e o Celta B, e diante dos 25.000 espectadores que asistiron ao partido. Tras conseguir en outubro do ano pasado o pasaporte para a final a oito como campión do seu grupo da fase intermedia, dirimido entre A Lomba e Baltar, Galicia iniciará a última fase polo título continental no Grupo A, con Bavaria (Alemaña), Zenica-Doboj (Bosnia-Herzegovina) e a República de Irlanda coma rivais.
![](https://img.lavdg.com/sc/4tNvK8J0oVK8_OZPIxEK0lzVFbU=/480x/2023/03/27/00121679938622872948469/Foto/A27M3040.jpg)
O anfitrión estrearáse contra esta última o venres 9 de xuño, en Burgáns. Zenica-Doboj, o domingo 11 en Baltar, será o seu segundo rival, completando o cadrante o mércores 14 na Lomba ante Bavaria. Todos os partidos de Galicia xogaránse desde as 19.00 horas.
No Grupo B competirán Lisboa, Belgrado, Zlín (República Checa) e Dolnoslaski (Polonia). O primeiro de grupo A e do B mediránse na gran final o sábado 17 de xuño, ás 19 horas, cos campos da Lomba, San Lázaro e Balaídos na terna manexada hoxe pola RFGF.
![](https://img.lavdg.com/sc/KkQF9WtSywLe3Nzu4kavo9qEZoY=/480x/2023/03/27/00121679939042465917598/Foto/A27M3044.jpg)