As formacións políticas tradicionais, con lentitude, sen axilidade, van incorporando as novas propostas
21 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Falta unha semana para a votación nestas eleccións locais e non sei se os aires de cambio que se ven na sociedade aparecerán nos resultados porque a metamorfose da colectividade deberíase reflectir nas urnas, aínda que non supoña diversa composición das Corporacións, pero si, por suposto, unha modificada actitude das forzas políticas para adaptárense á sociedade. A transformación salta á vista, mentres saímos e entramos incesantemente en crises económicas globais: que se os bancos, que se a pandemia, que se a guerra. A globalización que debuxa a realidade déixanos ver pola maior parte do mundo a miles de mulleres saíndo ás rúas explicando que a revolución será feminista ou non será, á xuventude desconcertada e preocupada por un futuro moldeado pola cambio climático, ao movemento Black Lives Matter loitando contra a represión racial en USA, á loita polo dereito ao aborto en Estados Unidos, Polonia ou China, ás mobilizacións en defensa da liberdade de expresión ou contra as agresións ao colectivo LGBTI, que con outras tendencias, revelan a inquietude de sectores sociais ó redor da calidade de vida e do benestar, da defensa das minorías, ou do que podemos denominar autoexpresión. As forzas políticas tradicionais non foron quen de transformárense nos motores, ou cando menos nos referentes avanzados, á velocidade esixida por estas novas realidades sociais, senón que transitaron a remolque desas ideas e desa sociedade, e, uns con máis enerxía ca outros, vanse adaptando ás propostas deste mundo recente. A sociedade, quizá por primeira vez, está indo por diante dos partidos. Convén ter en conta que esta situación, aparecida global e rapidamente, provocou a aparición de distintas correntes políticas e así, desde o 2015, xurdiron partidos que pronto acadaron representación importante: Podemos, Ciudadanos, Vox, e agora mesmo, a incógnita personalista de Sumar. Naceron porque a sociedade necesita acompasarse aos tempos con partidos que acollan esas visións do mundo, manifestadas en identidades políticas individuais e colectivas diferentes así como as correspondentes reaccións para contrarrestalas. Nesta situación global, hai estudos que recollen características sociodemográficas sorprendentes como a de que individuos de clase baixa, quizá empurrados máis pola necesidade que pola cabeza, non se identifican politicamente como feministas ou ecoloxistas, mentres que hainos de clase alta que escollen partidos con eses valores, sen que o exercicio desas opcións teña en conta variables económicas. Unha situación que dificilmente se pode explicar desde a convencional óptica esquerda-dereita, anquilosada. Agora mesmo, o que xira arredor de mulleres e xuventude vai impondo un cambio social de identidades, valores e actitudes sociais e políticas. Eses dous grupos capitalizan a mutación social e simultaneamente provocan resistencias ás súas propostas e por iso, nun ambiente de reiteradas crises socioeconómicas, atopámonos nun momento clave no que ninguén pode dicir que non se dea un xiro cara ás vellas identidades, presentes entre sectores da poboación, non exactamente os de idade máis avanzada, que queren atrincheirarse dentro do sistema. Quizá todo nos leve a unha polarización: uns a un lado e outros a outro. Os partidos tradicionais, con lentitude, sen axilidade, van incorporando as novas propostas sociais, tamén para deter o crecemento de variantes que teñen a súa razón de ser nas novas identidades políticas e na oposición a elas. Está a ser un campaña interesante. A ver que ensinanza nos deixan as urnas.