A armada arousá contará con sete internacionais no Europeo de Maratón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Nerea Novo Romero, do Náutico Pontecesures, campioa de España de Maratón no C1 Muller Xuvenil
Nerea Novo Romero, do Náutico Pontecesures, campioa de España de Maratón no C1 Muller Xuvenil cedida

O Breogán e As Torres volverán encabezar a selección

20 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato de Europa de Maratón contará un ano máis cunha ampla representación arousá. O vindeiro mes, en Croacia, sete padexeiros de equipos da zona pelexarán polas medallas. E faráno, ademais, como as máis firmes opcións de podio español en case que a súa práctica totalidade, logo de selar a pasada fin de semana en augas de Banyoles as súas correspondentes prazas internacionais no Campionato de España de Maratón.

Tono Campos e Diego Romero (Breogán do Grove) volveron impoñer a súa lei na canoa masculina sénior. O primeiro, reunindo os tres billetes para o Europeo, logo de gañar as probas individuais do maratón curto e do longo, na primeira con Romero segundo, e a do C2, co seu compañeiro á súa par.

Na regata polo título nacional da canoa dobre, Campos e Romero viron entrar xusto por detrás, xa a case 10 segundos, a parella das Torres-Romaría Vikinga formada por Fernando Busto e Diego Miguéns. Os catro arousáns poderán aspirar deste xeito a repetir a imaxe compartindo podio internacional coa licra da selección española que xa atesouran desde a temporada 2022.

No K2 sénior feminino, a breoganista Tania Álvarez e a lucense do Kayak Tudense Tania Fernández gañaron a regata do Campionato de España, facéndose así co posto no Europeo pero non co título nacional, ao non permitir as bases que as embarcacións mixtas de dous clubs diferentes computen para o medalleiro español.

A outra grande opción galega no próximo Europeo de Maratón será o padexeiro tudense das Torres-Romaría Vikinga Iván Alonso Lage, logo de gañar tanto a proba do maratón curto como do longo no K1 sénior masculino.

A sétima internacional arousá será Nerea Novo Romero. A canoísta do Náutico Pontecesures impúxose na pelexa polas prazas do C1 muller xuvenil longo e absoluto curto.