A grovense do RG Bikes Lara Lois encadea o seu quinto título galego de XCO
AROUSA
Desiree Fernández, do C.C. Ribadumia, foi terceira no podio
09 jul 2023 . Actualizado a las 20:50 h.O Cross Country Olímpico (XCO), a modalidade olímpica de bicicleta de montaña, ten desde hai cinco anos unha raíña do Grove. Lara Lois, que este ano compite polo equipo dezao RG Bikes, conquistaba o sábado en Outeiro de Rei o seu quinto título feminino galego absoluto. E fíxoo cunha superioridade total.
A unha semana da disputa do Campionato de España de XCO, a presenza na área recreativa de Penas de Rodas da arxentina Josefina Casadey facía pensar que Lara Lois tería posibilidade dun duelo intenso a modo de preparación. Nada máis lonxe da realidade. Xa na primeira das cinco voltas do circuíto de Outeiro de Rei, a rider do RG Bikes sacoulle unha renda de 34 segundos que, agás no cuarto parcial, non deixou de elevar ata entrar en meta con 2 minutos e 27 segundos de vantaxe sobre Casadey tras completar o percorrido en 1.33,54.
Sendo que a arxentina non podía computar no palmarés oficial, por non ser galega, o podio feminino absoluto do Campionato Galego de XCO completárono Raquel Román, do Bici Verde, e Desiree Fernández, do Club Ciclista Ribadumia. Sofía Álvarez, do Cambre-Renault Caeiro, foi a campioa feminina Sub 23 e terceira na clasificación xeral.