«En Vilagarcía hai un antes e un despois nas relacións do BNG co PSOE pola soberbia e prepotencia socialista»

AROUSA

Os nacionalistas acusan o grupo de goberno de pactar co PP para obter unha liberación máis das que eles lles ofrecían apoiar a cambio dun representante no Porto e na Mancomunidade
29 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Os dous concelleiros do grupo municipal do BNG na corporación de Vilagarcía de Arousa, o seu voceiro, Xavier Rodríguez, e Rosa Abuín, trasladáronlle onte á prensa a súa valoración do acontecido no pleno de organización do xoves. Un pleno no que os votos do grupo de goberno socialista e as abstencións dos concelleiros do Partido Popular permitiron sacar adiante cinco liberacións e os soldos para tres cargos de confianza para o primeiro e unha liberación para a portavoz popular, Ana Granja, e para a contratación por un 75 % da xornada laboral dun traballador para o grupo municipal da formación conservadora. O Bloque Nacionalista Galego votou en contra, como tamén do reparto de representantes da corporación nos órganos e entidades nos que dispón dun asento, principalmente a Mancomunidade e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía.
Non chegaron os edís nacionalistas a falar de pinza PSOE-PP como si o fixera o único concelleiro de EU, Juan Fajardo, no pleno, pero case. «A ver se isto —o acordo sobre soldos e reparto de representantes— queda nalgo puntual ou acaba dando nalgún tipo de acordo programático entre o PSOE e o PP», apuntan desde o BNG, que lles bota en cara a Alberto Varela e os seus compañeiros da bancada socialista que «acaban de facer un pacto coa dereita cando o domingo fomos quen de parar o avance desa mesma dereita», en referencia ás eleccións xerais.

Con todo, os integrantes do BNG centraron a súa intervención en explicar as razóns dos seus votos negativos. Xavier Rodríguez acusa o alcalde vilagarcián, Alberto Varela, de que «non foi fiel ao seu discurso na investidura, onde dixo que tomaba nota do que dixera a cidadanía e do apoio que lle deu o BNG na investidura». A partir de aquí, o BNG teríalle ofrecido ao PSOE aprobar tres liberacións para os socialistas máis a do alcalde a cambio dun salario para un cargo de confianza e dun dos dous postos do Concello na Mancomunidade e no Porto. A praza no consello de administración deste último foi a liña vermella do BNG na negociación, porque, subliña Rosa Abuín: «Para o BNG o importante é facer política, e no Porto, unha institución pechada e controlada polo PP, no que os representantes do Concello achantan, seriamos unha voz discordante en favor da cidadanía».
Desde o Bloque acusan o PSOE de preferir pactar co PP «a cambio dunha liberación máis» da que ofrecía apoiar a súa formación. É por iso que, afirma, Rodríguez: «Hai un antes e un despois nas relacións do BNG co PSOE pola soberbia e a prepotencia na que este segue instalado». Dito o cal, engadiu que os nacionalistas «imos tentar chegar a acordos co PSOE polo ben de Vilagarcía e polo cambio de modelo de cidade destes catro últimos anos».
Os nacionalistas cualifican de «puerís» os argumentos do PP
«O PSOE optou pola saída máis fácil, usar o PP de muleta como se fose unha oficina de colocación para o seu anterior gabinete e a súa xente de confianza». Os edís do BNG tamén cargaron contra o Partido Popular liderado por Ana Granja, ao que acusou de «escudarse en argumentos puerís para evitar o custe político que lle puidera supoñer un voto favorable» á proposta de liberacións do PSOE na que se abstivo pese a conseguir con ela a liberación da propia Granja e o salario para un posto de confianza. Un posicionamento que levou o voceiro do BNG, Xavier Rodríguez, a falar de «covardía do PP por non votar a favor do seu acordo e enganar a cidadanía».
Xavier Rodríguez negou a acusación de Ana Granja de que o BNG tivera bloqueado o Concello, lembrando que Alberto Varela, como alcalde, podería ter distribuído as áreas de goberno entre os seus edís cun simple decreto, sen precisar dun acordo do pleno.