O Festaclown que fai rir a San Roque

DARÍO PORTELA / r.e. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O festival chegará a Vilagarcía entre o 10 e o 15 de agosto

02 ago 2023 . Actualizado a las 18:36 h.

Un total de 22 espectáculos que chegan da man de compañías galegas, nacionais e mesmo internacionais encherán de ledicia, maxia e acrobacias as rúas de Vilagarcía nas xornadas previas ás festas de San Roque. A oitava edición do Festaclown chega con intención de arrincar moitos sorrisos e debuxar o abraio nos rostros dos espectadores, pero tamén de trasladar mensaxes de gran importancia social. Nesta ocasión, o certame conta coa participación de compañías como Diversidarte, Con Eles ou Clámide, que «nos volverán a demostrar que a cultura pode facer e ser por e para todo o mundo, indistintamente das súas capacidades», comentan dende a organización.

Dende o seu nacemento, Festaclown aposta pola cultura de proximidade, dando cabida ás pequenas compañías e servindo tamén de escaparate para as mellores estreas internacionais. Tal e como comentou Nacho Fungueiriño na presentación deste evento, do que é responsable de programación, o eixo principal do festival é o circo galego, «facendo fincapé nos espectáculos que se estrean este ano». Todo a cor, todas as risas e todas as acrobacias despregaranse na capital arousá entre o xoves da vindeira semana e o martes día 15 de agosto.

O Festaclown deste 2023 presentouse no Auditorio de Vilagarcía, coa presenza de Alberto Varela, alcalde, Jacobo Sutil, director de Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Sonia Outón, concelleira de Cultura e Nacho Fungueiriño. Os catro consideraron que a celebración deste festival é moi positiva, «moi importante», segundo Outón, e «dá unha oportunidade de compartir momentos de alegría en familia», asegurou Varela.

Jacobo Sutil, en representación da Xunta, explicou: «Un dos obxectivos nosos é colaborar con outras institucións para fomentar a cultura no territorio galego». A súa vez, amosouse moi orgulloso de que doce dos 22 espectáculos que chegarán ás rúas de Vilagarcía sexan galegos.

Entre todos os espectáculos anunciados no programa, destacan varios de eles, como os mencionados Diversidarte, Con Eles ou Clámide, que unen a cultura ca inclusión, Leo Bassi, Kine Circus Greed, unha compañía que chega dende Etiopía, ou o Circo no Ato, de orixe brasileira.